Rosana Pérez pide explicacións a Ana Mato por restrinxir a vacina da varicela

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pide explicacións á Ministra de Sanidade, Ana Mato, pola decisión de bloquear a venda en farmacias da vacina da varicela que está a causar moitos problemas en territorios como Galiza, onde hai pais e nais que se trasladan a Portugal para mercala.

Rosana Pérez pregunta á Ministra de Sanidade cais son os motivos reais que provocaron a decisión de restrinxir a venda da vacina nas farmacias. “Débese a razóns de índole sanitaria? En caso de ser así, demostrouse cientificamente que a aplicación desta vacina pode ter efectos sanitarios? En caso negativo, non resulta precipitado adoptar unha decisión deste tipo sen antes levar a cabo os estudos e análises pertinentes, posto que é unha vacina que ten unha longa traxectoria noutros países?”.

Hai un repunte da doenza da varicela

A deputada do BNG quer que a Ministra esclareza se “existen motivos baseados nun aforro económico para retrasar a aplicación desta vacina aos 12 anos? É consciente de que a esa idade unha grande parte da poboación infantil xa se terá recuperado desta doenza?”.

Rosana Pérez critica a decisión do Ministerio que “non está acompañada de estudos científicos, e que está a provocar unha grande alarma social entre pais e nais, pediatras e entre administración autonómicas”. Sen esquecer que, segundo dados recollidos no boletín Epidemiolóxico do Instituto Carlos III, no que vai de ano houbo un repunte preocupante desta enfermidade: producíronse un 16,5% máis de casos que o ano pasado.

Para a parlamentar nacionalista “todos os argumentos dunha parte e doutra deben ser escoitados, pero a nú gordiano é saber se o Ministerio de Sanidade basea a súa decisión en análises científicas”. Mentras tanto, “sería desexábel que o Ministerio desbloquera a vacina para a súa venda en farmacias a fin de permitir que tanto pais e nais como as CC.AA que son as que teñen competencias en materia sanitaria, poidan elexir libremente se a dispensan ou a inclúen no calendario de vacinación”.

Denuncia a imaxe que se está a producir en territorios como Galiza, onde pais e nais se trasladan a Portugal para mercala. “Perante a grande polémica suscitada, non debería o Ministerio liberar os lotes de vacina para a súa venda nas farmacias? Dado que as competencias sanitarias están en máns das CC.AA, non deberían ser os Goberno autonómicos os que estabelezan o seu calendario de vacinas libremente?”.