Rosana Pérez pide a comparecencia de Ana Pastor pola supresión de paradas e estacións ferroviarias

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta mañá a comparecencia da Ministra de Fomento para que acuda á Cámara a clarificar e determinar que paradas e estacións de tren elimina na Galiza ante “o caos xerado entre os usuarios pola supresión de case todos os servizos ferroviarios internos no territorio galego”.

A deputada do BNG reprocha á Ministra de Fomento que “opte por un modelo exclusivo de garantir as conexións con Madrid en lugar dun modelo ferroviario para vertebrar o territorio galego, para ofrecer un medio de transporte colectivo eficaz e ecolóxico á xente. Á Ministra só lle preocupa a conexión coa capital do Estado, mentras deixa sen tren a moitas poboacións galegas”.

“Priorízase a cuestión economicista e abandónase a función de servizo público. O tren a Madrid non é algo que a xente colla todos os días para ir traballar. O tren a Madrid ten unha función máis turística ou de negocios esporádicos. O que Galiza precisa é un tren de cercanías, uns servizos de proximidade para ir estudar, traballar, aos servizos médicos. É dicer, un tren para a vida diario dos galegos e das galegas e non para as contadas ocasións”, enfatiza a deputada do BNG.

Ademáis, Rosana Pérez reprocha á Ministra de Fomento que “con este modelo aposte polas empresas privadas de transporte por estrada, abandonando a función de servizo público que ten o tren”. Engade que “desde o Goberno central nunca houbo interese porque Galiza contase cun tren de cercanías a pesar de contarmos coa infraestrutura, coas liñas ferroviarias. Agora estamos ante a evidencia. Teremos máis servizos para ir a Madrid pero os habitantes de poboacións intermedias de A Coruña, Ourense, Lugo ou Pontevedra quedarán sen tren”.

A parlamentar nacionalista considera que “o tema ten a suficiente envergadura e importanza como para que a Ministra acuda a dar explicacións ao Congreso. Por certo, desde que se aprobou o Plan de Racionalización en decembro pasado Ana Pastor fuxiu de comparecer na Cámara. E é ela, como titular do departamento, quen ten que dar a cara neste tema”.