Rosana Pérez pide ao conselleiro do Mar que fale con todo o sector: “Non basta con mudar caras, hai que mudar actitudes”
A deputada do BNG censura a política continuísta do novo conselleiro e acúsao de discriminar aos representantes do sector que son “molestos”
Advirte da perda de produtividade “alarmante e manifesta” nas rías galegas e urxe un plan de recuperación dotado do orzamento necesario
A deputada do BNG Rosana Pérez criticou hoxe a política continuísta do novo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a quen convidou en primeiro lugar a asumir a situación que atravesa o sector e a escoitar aos seus representantes, incluídos aqueles que lle resultan “molestos” e que aínda seguen esperando a ser atendidos polo novo conselleiro, “que nin sequera lles contesta”.
“Non basta con mudar as caras, hai que mudar a actitude”, suxeriulle a deputada a Villares, tras escoitalo nunha comparecencia a petición propia para dar conta da súa xestión. Referiuse, neste sentido, á polémica que se está a vivir na ría de Muros-Noia polas verteduras da mina de San Finx. “Todo o sector da ría pide a gritos que non manteñan o despropósito e o desatino que supón a mina e vostedes aínda veñen de conceder o vertido de augas en febreiro”, expuxo como exemplo de falta de diálogo. “É difícil chegar a puntos de encontro cando se nega sistemáticamente a realidade”, díxolle tamén durante a súa intervención no Pleno.
Rosana Pérez aproveitou a sesión de hoxe no Parlamento para advertir da “perda de produtividade alarmante e manifesta” nas rías galegas e urxiu ao conselleiro a actuar xa para poñerlle remedio cun plan estratéxico de recuperación e co orzamento preciso para a súa aplicación.
“Vostedes seguen actuando como se non pasara nada”, díxolle a deputada, quen lembrou que os datos que apuntan dende hai anos a unha preocupante falta de produción, datos “que non inventa o BNG” senón que saen de organismos da propia consellería, como Pesca de Galicia, ou do INE. “Nos últimos anos a produción vai a menos, perdemos buques, perdemos Permex e perdemos postos de traballo”, advertiu Rosana Pérez que, tras escoitar ao novo conselleiro, concluíu que nada vai cambiar nas políticas de Mar do Goberno galego.
A deputada nacionalista criticou tamén a falta de execución dos orzamentos da Consellería, como sucedeu no 2022, ano con 197 millóns de euros “dos que quedaron sen executar case cincuenta”. “O sector ten un problemática inmensa que non lle caeu do ceo nin lle viñeron dados por unha maldición bíblica, senón que son resultados de malas decisión, horribles nalgúns casos, que tomaron as administracións, tamén a Xunta”, argumentou para instar a continuación ao representante do Goberno do PP a tomar medidas e a non presumir só de ter os orzamentos máis altos da historia da Consellería. “Tamén son históricos na falta de execución”, agregou.
A representante do BNG criticou tamén a pasividade da Consellería do Mar para facer valer os intereses de Galiza ante a Unión Europea e, neste, sentido, criticou que non se teñan cumprido os acordos do Parlamento para aumentar o peso de Galiza nas negociacións coa Unión Europea no relativo á pesca. “En decembro asistiremos de novo ao paripé de negociación dos TACs e cotas en Europa, cun conselleiro que vai quedar na antesala da sala onde se negocia e onde efectivamente se corta o bacallau”, anticipou.
A mesma falta de determinación observou Rosana Pérez nas negociacións co Goberno do Estado. Neste punto, referiuse aos plans para a enerxía eólica, reprochando á Consellería que “non foron capaz nin sequera de deixar claro nas súas alegacións que a actividade pesqueira ten que constar como de interese prioritario”.