Rosana Pérez pide a Ana Pastor que aclare se está a negociar a privatización dos portos

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha pregunta na Cámara dirixida á Ministra de Fomento para que aclare se está a negociar con bancos de inversión e grandes navieras a privatización de portos de interese xeral.

“De ser así, que portos está o Goberno pensando en entregar á iniciativa privada? Estarían portos galegos entre eles?”, son algunhas das cuestións que a deputada nacionalistas dirixe a Ana Pastor.

Os portos do Estado son “das infraestruturas máis modernas do mundo”

Rosana Pérez faise eco dalgunhas informacións que indican que o Ministerio estaría en conversas con bancos estranxeiros para abordar a privatización de portos do Estado. Subliña ao respeito que “os portos son un auténtico negocio para a iniciativa privada posto que contan cunha débeda moi baixa”. Ademáis de bancos de inversión tamén se fala de grandes navieiras e de concesións a 50 anos.

A parlamentar nacionalista pón de manifesto que os portos xerais do Estado español son infraestruturas “moi modernas, das mellores do mundo e están nunha posición privilexiada”. “Ao BNG non lle estranan estas informacións posto que é o modelo político que está a pór en práctica como vemos co ferrocarril e cos aeroportos. Por non falar do ámbito sanitario onde goberna o PP”.

Vai entregar portos galegos á iniciativa privada?

En concreto, a deputada do BNG quer saber se Fomento ten intención de incluir “nesa privatización algún dos portos galegos de interese xeral”. “Moito nos tememos, puntualiza Rosana Pérez, que “o Executivo decidise abrir a espita das privatizacións no sector portuario, unha das denominadas xoias da coroa”.

A deputada nacionalista advirte ao Goberno que abandone calquera intención de “entregar ao negocio privado unha infraestrutura básica, de interese xearl e fundamental para o Estado. É un camiño errado e moi perigoso”.

“Vai entregar o Goberno o que se considera unha das grandes infraestruturas do Estado á iniciativa privada? Que tipo de contrapartidas está demandando o Goberno aos bancos de inversión e ás grandes navieiras?”.