Rosana Pérez pide que Ana Mato compareza porque "hai responsabilidades políticas" no caso do ébola

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta mañá a comparecencia urxente da Ministra de Sanidade, Ana Mato, para que acuda de imediato á Cámara a dar “unha información transparente, rigorosa e clara sobre o grave caso de contaxio do virus do ébola a unha auxiliar de enfermería que atendeu aos dous misioneiros repatriados polo Goberno español”.

A deputada do BNG considera que “estamos perante unha situación grave e preocupante que delata ás claras unha cadea de irresponsabilidades políticas que se deben asumir. Foi unha irresponsabilidade falar de “risco cero” como fixo o Goberno de Rajoy á hora de repatriar aos dous relixiosos contaxiados polo ébola”.

Empregáronse os traxes de seguridade biolóxica axeitados?

“E se é certo que non se utilizaron os traxes requeridos de seguridade biolóxica 4, totalmente impermeábeis e con respiración autónoma, e que se empregaron de niveles máis baixos, nivel 2, entón debemos falar dunha grave irresponsabilidade do Ministerio de Sanidade que debería levar á Ministra á demisión imediata”.

Rosana Pérez reprocha á Ana Mato que “se tomase este tema con tanta lixeireza cando se decidiu repatriar ao primeiro misioneiro infectado ao estado español e nin siquera deu as explicacións pertinentes sobre os protocolos utilizados, así como tampouco se someteu ao control parlamentar”.

A deputada do BNG afirma que a Ministra de Sanidade debe acudir á Cámara canto antes a explicar “con rigor o protocolo utilizado na atención aos dous misioneiros infectados e repatriados polo Goberno español, debe informar do grao de cumprimento do protocolo, de se proporcionou o material e a vestimenta requeridos para a protección do personal sanitario que atendeu aos relixiosos con ébola, e debe explicar que fallou a pesar do tan reiterado “risco cero”.

A parlamentar nacionalista exixe ao Goberno que “ofereza á sociedade a verdade dos feitos, con respostas claras e sen agochar a verdade porque está a sementar a desconfianza absoluta entre a cidadanía”.