Rosana Pérez leva ao Congreso unha proposición para que non se eliminen servizos ferroviarios

A Comisión de Fomento debatirá e votará unha iniciativa da deputada do BNG para que o Ministerio dea marcha atrás no seu Plan de supresión de servizos de tren no territorio galego

Madrid, 9 Xuño 2013. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, levará á Cámara o vindeiro martes 11 de xuño unha proposición non de lei que insta ao Goberno a dar marcha atrás no seu propósito de eliminar case todos os servizos de media distanza existentes actualmente na Galiza como son os de Ferrol-A Coruña, Ourense-Puebla de Sanabria, Ourense-Monforte-Ponferrada, A Coruña-Lugo-Monforte, Vigo-Ourense e Santiago-Ourense.

A Comisión de Fomento do Congreso debatirá e votará esta iniciativa do BNG o martes día 11 de xuño. Unha proposición que demanda a Fomento que “dada a súa extensión territorial e a súa poboación, se teña en conta que se trata dos poucos territorios que carecen de servizos ferroviarios de cercanías, de aí a necesidade de manter as conexións de media distanza”.

Nun terceiro punto, Rosana Pérez pide ao Ministerio que inicie un diálogo coa Xunta para negociar o traspaso das competencias en materia de ferrocarril interior a fin de implantar un servizo de proximidade que aproveite as liñas existentes, precisamente as que se corresponden cos servizos de media distanza que agora Fomento quer eliminar”.

Fomento opta “por deixar morrer o tren”

A parlamentar nacionalista emprazará ao Ministerio a “reflexionar sobre o Plan de recortes de servizos ferroviarios e pedirálle que cambie o paso e aposte pola potenciación do transporte ferroviario de pasaxeiros e de mercadorías posto que a realidade demostra que un servizo óptimo con tempos reducidos e trens modernos capta unha grande afluencia de viaxeiros”.

A deputada do BNG acusa a Fomento de “deixar morrer o tren cando é evidente que se se ofrece un ferrocarril en condicións, de calidade e con bos tempos de viaxe, cáptanse usuarios porque é un medio de transporte eficaz, seguro e ecolóxico”. Nese sentido, Rosana Pérez afirma que a mesma Ministra de Fomento “entra en contradicción cando amosa a súa satisfacción polo importante aumento do tráfico de pasaxeiros na Galiza nos últimos meses debido á entrada en funcionamento do tren híbrido de Madrid a Galicia. Os tráficos de viaxeiros incrementáronse nun 53%, demostración palpábel de que cando se melloran os trens, os tempos de viaxe e se oferece un servizo moderno, á altura do século XXI, o tren atrae moita demanda”.