Rosana Pérez lembra que de 13 comparecencias solicitadas por Navantia, Soria só veu unha vez

Rosana Pérez, até agora deputada do BNG no Congreso e membro da Deputación Permanente da Cámara, deixa claro o compromiso “demostrado do BNG co sector naval galego” e amosa a solidariedade cos traballadores que “viven un auténtico calvario de inquedanza pola falla de futuro e de carga de traballo”.

Rosana Pérez advirte que o que “está a pasar é a crónica dunha morte anunciada. Aínda temos na memoria as enormes manifestacións en Ferrol dos traballadores de Navantia e os veciños da comarca que os acompañaron. E así foi durante toda a lexislatura de Goberno de Rajoy, incapaces de sacar adiante un Plan industrial con garantías de traballo duradeiro, e non só remendos e parches para uns meses”.

“Levamos anos denunciado a pasividade da SEPI, de Industria, do Goberno central. Perdéronse nesta lexislatura 4.500 postos de traballo no naval sen que lle importe á Administración competente que é a central. E mentras promesas e promesas de carga de traballo que nunca chega, e a pouca que chega é limitadísima”, sinala Rosana Pérez.

Lembra que o “famoso BAM, Buque de Acción Marítima anunciado na víspera das elecións europeas, vai moi retrasado. O flotel de Pemex entregaráse xa en xuño do ano vindeiro e só ocupou a uns 500 traballadores cando anunciaron que traballarían 2.000. As fragatas F-100 son aínda un esbozo virtual posto que non hai intención de encargalas antes de 2018. Nin dique flotante, nin máis traballo civil a pesar de que rematou o veto sobre Navantia Fene. Todo isto en medio dunha xogada aínda non aclarada polo Goberno cando en pleno verán pasou o naval a máns do Ministerio de Defensa”.

O PP opúxose nesta lexislatura ás propostas do BNG sobre o naval

Para Rosana Pérez o que “está a acontecer co sector naval é un despropósito, tirándose pola borda a capacidade de estaleiros que están entre os máis punteiros do mundo, e deixándoos esmorecer. É evidente o desinterese da Administración central. Ficou demostrado nesta lexislatura na que o BNG solicitou 13 comparecencias de Ministros e responsábeis da SEPI para abordar a situación crítica do naval, monograficamente, e só compareceu Soria en xuño de 2013 e o Presidente da SEPI en marzo de 2014”.

En febreiro de 2012 o PP, xa no Goberno, opúxose a unha proposición do BNG con medidas para garantir o futuro do naval en Ferrolterra. Medidas que respaldou en 2011 cando o BNG as levou ao Congreso e aínda non gobernaba. En marzo de 2014, o PP tamén tumbaba unha moción do BNG en Pleno sobre o naval. “E así poderíamos seguer. Fora da propaganda, nunca lles interesou apostar en serio polos estaleiros públicos galegos. Seguen disciplinadamente a estratexia da UE de deixalos para a construción militar ou levalos ao peche”.

Rosana Pérez deixa claro que o “compromiso do BNG co sector naval público galego é irrenunciábel. Sempre formou parte das nosas prioridades desde a nosa presenza no Congreso, e así continuaremos na vindeira lexislatura. A demanda de carga de traballo para Navantia será unhas das nosas primeiras iniciativas parlamentares”.