Rosana Pérez insta ao Goberno a restituir as axudas ás hipotecas que foron anuladas por decreto

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar para instar ao Goberno a restituir as axudas ás hipotecas que foron suprimidas mediante un Real Decreto Lei de 2012 e que están a prexudicar a miles de familias e persoas con débedas hipotecarias.

A deputada do BNG explica que o Goberno central suprimiu através do artigo 35 do Real Decreto Lei 20/2012 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria, as axudas de subsidiación de préstamos do Plan de Vivenda 2009-2012, e “incluso foi máis alá ao facer unha leitura retroactiva do artigo que afecta ao Plan de Vivenda da Xunta de 2005-2008”.

“É alarmante que só se adopten medidas que recaen no peto dos cidadáns máis necesitados”

Rosana Pérez sinala que eran axudas a hipotecas moi beneficiosas para miles de familias, que se viron negativamente afectadas pola súa eliminación. “O malestar dos moitos afectados chegou á Defensora do Pobo que realizou un informe contrario á interpretación extensiva do artigo 35. E aconsellaba a revisión e o abono das axudas recoñecidas, censurando o carácter retroactivo da lei”.

A deputada do BNG pón de exemplo aos veciños e veciñas do bairro de Novo Mesoiro en A Coruña, así como doutras cidades galegas como Vigo.

Para a parlamentar nacionalista “non se entende que nun momento como o actual no que as familias atravesan por situacións moi compricadas, onde o pagamento das hipotecas é unha losa que pesa demasiado sobre as economías domésticas, resulta totalmente censurábel que o Goberno elimine as poucas axudas que existían neste ámbito. E máis censurábel aínda que teña carácter retroactivo”.

Para o BNG, puntualiza, “é alarmante que todas as decisións do Goberno prexudiquen aos petos dos cidadáns”. Por estes motivos, Rosana Pérez demanda ao Executivo a recuperación destas axudas hipotecarias, anular o carácter retroactivo da lei e proceder ao abono das axudas recoñecidas con anterioridade ao cambio normativo aplicado en 2012.