Rosana Pérez insta ao Goberno español a eliminar as comisións bancarias nas entidades intervidas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou varias iniciativas parlamentares na Cámara, pregunta por escrito e proposición non de lei, para demandar ao Goberno medidas que paren as comisións bancarias, que se estabelezan límites máximos e que se eliminen o cobro de comisións nas entidades intervidas con carto público.

A deputada do BNG insta ao Executivo a realizar unha supervisión das comisións bancarias, fixando límites máximos en función de parámetros obxectivos que teñan en conta o custe real do servizo prestado. Empraza ao Goberno a elaborar unha norma específica para as entidades financeiras que recibiron carto público para o seu saneamento, “na que cando menos se elimine o cobro de comisións por contras correntes ou de aforro”.

Pide Rosana Pérez que se regule legalmente a disposición dunha conta bancaria como servizo financeiro básico, “coa exoneración do cobro de comisións por mantemento ou administración de contas correntes ou de aforro”.

As comisións bancarias subiron moito en plena crise

A parlamentar nacionalista denuncia na súa iniciativa parlamentar que “as comisións bancarias experimentaron un aumento significativo en plena crise. No que vai de ano, os bancos e o que queda das Caixas realizaron fortes incrementos das comisións que cobran por servizos e productos. Por exemplo, polo mantemento dunha conta corrente hoxe cobran un máximo de 75 euros fronte aos 42 de 2011. Según dados do Banco de España, un 78% máis”.

Rosana Pérez sinala que no último ano, as comisións bancarias aumentaron de media un 40% aínda que hai servizos que rexistraron un repunte de até un 300%. Nese sentido, nomea as comisións que as entidades cobran pola realización de transferencias que pasaron de 5 euros a 20 euros.

Tamén alude ás comisións por mantemento de conta corrente ou de aforro que medraron con forza. O máximo pasou dos 42 euros que custaba no 2011 aos 75 que cobran agora. “O cobro abusivo de comisións bancarias é aínda máis censurábel no caso das entidades que recibiron carto público para o seu saneamento e “ás que o Goberno debería exixir a supresións de toda comisión”.

Rosana Pérez cita un Informe da Comisión Europea que di que as comisións da banca española son as segundas máis elevadas de Europa, só superadas por Italia.