Rosana Pérez desmonta a propaganda do PP coa rebaixa do IRPF porque beneficia ás rendas máis altas
Rosana Pérez acusou ao Goberno Rajoy de facer eleitoralismo e rebaixou a propaganda do PP ao explicar a anecdótica relevancia que esta medida vai ter nas rendas máis baixas, que finalmente beneficiará ás máis altas.
Os contribuíntes con rendas de 12.450 euros a medida reportarálles 0,32 céntimos ao mes, 4 euros ao ano
A deputada do BNG desmontou o marketing e as falsedades do Goberno neste tema. Comezou por lembra que aumentaron desmesuradamente os impostos indirectos como o IVE que pagamos todos independentemente da nosa renda. A súa rebaixa adiantada do IRPF incide de novo no aumento da desigualdade.
Rosana Pérez puxo de manifesto que até os técnicos de Facenda evidencian que se trata dunha medida anecdótica para as rendas máis baixas. Os contribuíntes coas rendas máis baixas, até 12.450 euros, nin se van enteirar porque para eles suporá 0,32 céntimos ao mes, e a ridícula cantidade de 4 euros ao ano.
As rendas de máis de 60.000 euros aforrarán máis de 800 euros
Máis, puntualizou, aquelas persoas que declaren rendas por riba dos 60.000 euros ao ano, unha porcentaxe da poboación do 3,3%, aforrarán máis de 800 euros ao ano. En conclusión, enfatizou, os 1.500 millóns que vostede dí que aforrarán os contribuíntes será como sempre, para os que máis gañan. Neste sentido, lembrou que os que ingresan menos de 20.000 euros ao ano suman 8,5 millóns de persoas.
Tamén aludiu ao colectivo de autónomos. A súa reforma só afectará a unha mínima parte, aos que teñan ingresos superiores a 15.000 euros. Así que dunha cifra de 3 millóns de autónomos, apenas se van beneficiar 400.000. De novo, sinalou Rosana Pérez, é unha medida que beneficiará ás rendas máis altas e ás rendas de capital.
Outra das trampas do PP que a deputada do BNG puxo en evidencia é o feito de que até agora as rendas que non superasen os 1.500 euros estaban exentas de tributación e agora pasarán a tributar nada máis e nada menos que ao 19,5%. O que afectará especialmente aos pensionistas. Unha medida que para Rosana Pérez encasíllase nos modos políticos do PP: aumentar a brecha da desigualdade fiscal.
Anecdótica redución da factura da luz só para 2015
Rosana Pérez tamén aludiu a outras das medidas: a redución do recibo da luz nun 2,2% na parte regulada solo para o que resta de ano. Dado que no último ano a factura da luz subiu un 7%, esa rebaixa do 2,2% que pode supór? 5 ou 6 euros?. Pediu ao Goberno menos demagoxia cando case 2 millóns de familias viven en situación de probeza enerxética. Acusou ao Executivo de facer ciencia ficción. Reprochou ao Goberno de ter feito reformas ilóxicas do sector eléctrico e de practicar eleitoralismo.
Rematou deixando claro o voto en contra do BNG a este Real Decreto, que non é máis que o inicio do programa eleitoral do PP, que vai favorecer aos de sempre.