Rosana Pérez denuncia os sistemáticos incumprimentos da concesionaria dos helicópteros de Servizo de Gardacostas
A deputada do BNG Rosana Pérez denunciou na Comisión 8º do Parlamento os sistemáticos incumprimentos por parte da empresa adxudicataria dos servizos de operación e mantemento dos helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galicia, encargado de desenvolver os labores de vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo.
A parlamentaria do Bloque criticou ademais a falta de control e seguimento que fai o Goberno do PP, a través da Consellería do Mar, dos contratos sobre este servizo aéreo, ao que dende o 2017 se teñen destinado 51 millóns de euros.
“O principal obxectivo dese servizo é salvar vidas e non, como parece que ocorre ás veces, poñelas en risco, a comezar polas propias tripulacións deses helicópteros”, asegurou a deputada do Bloque, advertindo de que “non se pode ser ao 100 % efectivo nese labor de salvar vidas cando os medios non son os acaidos ou cando se recanean, por interese propio e exclusivo da empresa”.
Fronte ás “graves deficiencias” detectadas nos helicópteros, reprobou, a Xunta fai “a vista gorda”, o que provoca que a empresa -agora Avincis- se sinta “inmune” e “non corrixa absolutamente nada” pese a ter sido xa penalizada.
Rosana Pérez aludiu ao último incidente coñecido neste servizo, o pasado 9 de xuño nunha misión de adestramento do helicóptero que traballa na base SAR de Viveiro, cando se enganchou á fuselaxe o cable da única grúa da aeronave, poñendo en risco a seguridade do rescatador, explicou. Segundo o prego de prescricións, o helicóptero debería estar dotado de dúas grúas.
“O incidente, que foi ocultado, volve a evidenciar que, se existe, o control e seguimento do contrato é totalmente insuficiente”, insistiu a deputada, lembrando que por este incidente xa hai presentada unha denuncia penal do rescatador afectado contra a empresa e a propia Xunta “pola súa irresponsabilidade”.
A parlamentaria do Bloque defendeu en comisión unha proposición non de lei, rexeitada polo Partido Popular, para crear unha comisión asesora para a elaboración dos pregos coas prescricións técnicas de contratación de helicópteros e medios auxiliares que se requiran, apuntou, para o desenvolvemento integral do Servizo de Salvamento Marítimo.
A comisión proposta estaría formada pola Administración, as empresas, representantes dos traballadores, e expertos independentes na materia. “O que non pode ser é que quen asesore á Administración sexan só as empresas, e menos aquelas que xa teñen demostrado ser incumpridoras compulsivas e reincidentes”, considerou.
Na mesma iniciativa propúñase avaliar o último contrato que a Xunta sacou a concurso o pasado mes de abril por un período de catro anos e por un custe de preto de 58 millóns de euros no que, criticou, rebáixanse as esixencias “incumpridas sistematicamente no actual contrato”. “Primeiro privatizaron o servizo público e agora recuncan en minguar as prestacións dos medios dese servizo”, concluíu Rosana Pérez, que lamentou o non do PP a unha iniciativa coa que o Bloque buscaba “poñer freo a todos os despropósitos que xa se converteron en temeridade” .