Rosana Pérez demanda ao Presidente de Portos unha investigación sobre o Porto de Ferrol

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, demandou ao Presidente de Portos do Estado, José Llorca, na Comisión de Fomento que se abra unha investigación polas irregularidades detectadas nas contas do Porto de Ferrol-San Cibrao, e que se depuren as conseguintes responsabilidades.

O responsábel de Portos do Estado comparecía esta mañá na Cámara para facer balanzo do ano 2013 en materia de portos de interese xeral.

PORTO DE FERROL-SAN CIBRAO:

Rosana Pérez aproveitou esta comparecencia para pór sobre a mesa unha serie de cuestións relativas aos principais portos de Galiza. Unha delas o escándalo que trascendeu estes días sobre os gastos “improcedentes e irregulares que ascenden a 344.000 euros na xestión do Porto de Ferrol-San Cibrao”.

“No Informe da Intervención Xeral da Administración do Estado, emitido en decembro pasado, constan dado que indican nese porto se gastaron de xeito improcedente no periodo 2012-2013 344.000 euros”, sinalou Rosana Pérez, quen tamén se referiu á auditoría interna que detectou o pago de dietas a conselleiros da Autoridade Portuaria que non acudían ás sesións.

Desde o BNG, enfatizou a deputada nacionalista, cremos que se debería abrir unha investigación e depurar as conseguintes responsabilidades, “porque nun momento como o actual no que se están a exixir grandes sacrificios económicos á poboación, non se poden permitir este tipo de prácticas. Vaise abrir unha investigación ao respeito?”.

PORTO DE VIGO:

A parlamentar nacionalista ensalzou as características do porto de Vigo que “polas súas características, o seu tamaño, o seu movemento de tráfico e a súa localización, é un porto idóneo para ser incluido na rede básica. Hai que ter moi presente que se trata do maior porto europeo de pesca”.

Máis, lamentou, “a pesar das manifestacións da Ministra de Fomento en favor de que fose incluido como porto nodal na Rede Europea de Transportes, as actuacións do Goberno non foron todo o acertadas porque o porto vigués finalmente non se incluiu como porto nodal”. A deputada nacionalista amosou a preocupación do BNG porque “un porto tan importante quede atrás en competitividade”.

Por iso pediu ao Presidente de Portos que se adopten medidas para mellorar a súa intermodalidade, sobre todo para incentivar o transporte de mercadorías co porto seco da PLISAN e coa terminal de Bouzas. “Que previsións, plans e investimentos existen para o porto de Vigo?”.

PUERTO EXTERIOR DE A CORUÑA

En canto ao Porto Exterior de Punta Langosteira, Rosana Pérez expresou os temores do BNG polas prácticas de bunkering no porto Exterior coruñés. “Unha actividade de repostaxe consistente no trasvase de combustíbel dun barco ao outro en fondeo, por medio de buques cisterna que se convierten en gasolineiras flotantes, e que non conta con suficientes garantías de seguridade medioambiental. Conleva riscos de vertidos”.

A deputada do BNG puxo de manifestó as críticas non só de organizacións ecoloxistas senón tamén de profesionais do ámbito. E lembro que o propio Goberno español denunciou o ano pasado este tipo de prácticas en Xibraltar.

Salientou a primeira operación de bunkering que se fixo en decembro pasado nese porto, “operación que levantou as sospeitas de que o Porto Exterior se convirta nunha zona de repostaxe para os buques mercantes que navegan pola costa galega”. A deputada do BNG requeriu ao Señor Llorca que explique se se van institucionalizar este tipo de prácticas de repostaxe e se teñen as debidas garantías medioambientais, especialmente en momentos de fortes temporais como os vividos últimamente.

PORTO DE VILAGARCÍA:

A deputada do BNG tamén fixo alusión ao Porto de Vilagarcía, outro dos portos de interese xeral. Aludiu á intervención do responsábel de Portos quen dixo que prácticamente todos os portos teñen dados económicos positivos “agás Vilagarcía e Melilla”. Por iso, demandou que se explicase este aspeito e que medidas se están a adoptar para mellorar a súa situación.

RESPOSTA DO PRESIDENTE DE PORTOS DO ESTADO AO BNG:

O responsábel de Porto do Estado botou balóns fóra tanto no tema relativo á exclusión de Vigo como porto nodal da Rede Transeuropea de Transportes como no tema dos gastos improcedentes no Porto de Ferrol. Limitouse a culpar no primeiro caso ao anterior Goberno de Zapatero e ao bipartito no caso dos gastos do Porto de Ferrol, obviando por completo que o PP goberna na Xunta desde o ano 2009 e obviando que Goberna na Administración central desde o ano 2011.

En relación aos gastos no porto de Ferrol afirmou que “non é unha cuestión de legalidade porque cobrar as dietas por non ir a un Consello de Administración e delegar noutro é algo legal”, polo tanto, concluiu “non hai un incumprimento da legalidade”. Desde un punto de vista ético indicou que “non se debería facer”.

Engadiu que o Porto de Ferrol estableceu esta práctica no periodo do gobernó bipartito na Xunta, e enumerou conselleiros de Administración da etapa do bipartito que cobraron estas diestas, silenciando en todo momento os membro do Consello de Administración na etapa de Goberno de Feijoó que o están a facer.

No que atinxe ao Porto de Vigo, responsabilizou ao Goberno de Zapatero de que Vigo non fose considerado porto nodal. Aínda que a decisión se adoptou o ano pasado, 2013, e a pesar de que no Parlamento Europeo tanto PP como PSOE optaron por outros portos en lugar de por Vigo, Llorca culpou ao anterior goberno central de que Vigo non chegase a ser porto nodal.

Sinalou que Vigo poderá acceder ás axudas da UE da Rede Transeuropea de Transportes porque foi considerado porto núcleo loxístico fundamental. E en relación á intermodalidade do porto vigués, non concretou nada, nen prazos, nen investimentos nen actuacións.

En canto ao Porto Exterior de Punta Langosteira, Llorca afirmou que é un porto que se fixo por unha cuestión medioambiental, para trasladar os tráficos de graneis líquidos do interior de A Coruña a unha zona alonxada da cidade. Engadiu que se vai facer un contra dique para mellorar as condicións de abrigo.

En canto ás prácticas de bunkering, o responsábel de Portos amosouse totalmente dacordo con este tipo de repostaxe no mar. Defendeuse sinalando que o que sucedía en Xibraltar eran auténticas gasolineiras flotantes, e que en todos os portos se fai a repostaxe por fondeo. A pesar de que afirmou que contaba con todas as garantías, non explicou a Rosana Pérez en ningún momento en que consistían esas garantías.

Limitouse a tildar de “demagóxicas” as críticas sobre o bunkering.