Rosana Pérez demanda ao Goberno o traspaso do servizo de AEMET na Galiza

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha batería de preguntas e unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Goberno a mellorar, reforzar e aumentar a dotación de personal na delegación galega da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) debido á degradación do servizo.

A deputada do BNG considera que “dada a posición destacada que o sector produtivo primario ten na Galiza, así como as características específicas do tempo no noso pais, o mellor sería proceder á transferencia dos servizos meteorolóxicos estatais para atender mellor as nosas necesidades neste eido e para poder dar un servizo óptimo a sectores como o agrario, a pesca ou o turístico”.

A meteoroloxía é fundamental para os sectores produtivos de Galiza

Ademáis, Rosana Pérez critica a modificación que fixo o Ministerio da AEMET, adoptando “un modelo centralizador ao dividir o AEMET en cinco zonas; norte, interior, este, sur e Canarias, cuxo centro está en Madrid como é habitual”. Segundo esa conceptualización, á delegación galega compételle a predición marítima costeira en toda a fachada atlántica, incluida a cornisa cantábrica, a costa atlántica andaluza e Canarias, así como a predición en alta mar entre o Gran Sol e o Golfo de Guiné.

Máis, “depende de Madrid para as predicións terrestres e avisos costeiros, e no relativo ás predicións aeronáuticas, os aeroportos galegos pasan a depender das predicións aeronáuticas de Santander.

Incluso se centralizou o banco de dados climatolóxicos e a distribución dos produtos aos usuarios por todos os medios, sexa vía web, fax, email...

Razón pola que insta ao Goberno a deseñar un modelo da AEMET que permita á delegación galega desenvolver todas as funcións, tanto no ámbito marítimo, como terrestre e aeronáutico. E modificar o modelo de división territorial centralizador que impide á delegación galega realizar as predicións meteorolóxicas do interior, así como as dos tres aeroportos.

No relativo á degradación do servizo, Rosana Pérez pón de manifesto os recortes de personal. Así, segundo dados do Rexisto Central de Personal, a plantilla de Axencia reduciuse en 120 persoas a nivel estatal no periodo que vai de abril de 2012 a outubro de 2014. Deste xeito, pasouse dunha plantilla total de 1.375 persoas a 1.255. É unha diminución que ronda o 10%. No caso concreto de Galiza, contábase con 65 postos de traballo que se viron reducidos a 37 a turnos, 7 deles sen ocupar.

Unhas carencias que “se poden ver facilmente en servizos como o Observatorio de A Coruña. Se antes prestábanse servizos de observación e predición durante as 24 horas do día, agora só se prestan servizos de observación durante 17 horas e de predición durante 15”.

Rosana Pérez reprocha ao Goberno que o recurte de personal está a pór en perigo a pervivencia do servizo na Galiza.

Para o BNG “o idóneo sería que o servizo de meteoroloxía se xestionase por completo desde Galiza e que o Goberno galego asumise a competencia nesta materia. E non é só por unha cuestión idelolóxica senón tamén por unha cuestión operativa”.