Rosana Pérez critica a Wert polo "caos existente" na comunidade educativa pola reválida en primaria

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Ministerio de Educación cais van ser as características da proba de reválida que ten fixado para este curso e cais van ser as consecuencias as o alunado que o suspenda.

Explica a deputada do BNG que os alunos de terceiro de primaria deberán someterse a final de curso a unha avaliación individual, “allea ao centro escolar e que asumirá a Consellaría de Educación da Xunta”.

Unha das medidas da LOMCE, aínda que neste curso só se porá en marcha en terceiro de primaria. A deputada do BNG traslada ao Ministerio a preocupación do profesorado porque a estas alturas aínda non se sabe cando se levará a cabo a proba nin que sucederá co alunado que non aprobe esta reválida. “Só teñen indicacións xenéricas”.

O Ministerio segue sen desenvolver a orde

E pón de manifesto que o Ministerio é quen debe concretar as características da avaliación através dunha orde que a desenvolva.

Rosana Pérez critica duramente ao Ministro de Educación por se ter empeñado nunha lei, a LOMCE, “absolutamente contestada desde todos os ámbitos, especialmente desde a comunidade educativa e estar sumindo na inquedanza a docentes, pais e nais e alunos por imprimirlles unha tensión excesiva por non admitir que se equivocou cun calendario da LOMCE e as súas prisas”.

Reprocha ao Ministerio que se “adique a confundir ao profesorado que debe moverse nun cenario de ambigüedade calculada, tendo que deducir o deseño da reválida”.