Rosana Pérez critica ao PSOE por "presentarnos unha emenda para que suprimamos a Comisión do Alvia"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu á tribuna para defender as propostas de resolución do BNG que “están centradas no noso país, nos seu sectores produtivos e nas súas infraestruturas”.

O PSOE e o PP non queren a Comisión de Investigación do Alvia

“Por enésima vez, subliñou Rosana Pérez, solicitamos a constitución dunha Comisión de Investigación sobre un dos maiores sinistros ferroviarios da historia, a do tren Alvia en Santiago de Compostela”.

A deputada do BNG dirixiuse ás bancadas do PSOE para deixar claro que “desde logo rexeitamos a emenda que lamentabelmente nos presentou o PSOE, solicitándonos que suprimamos precisamente o punto no que demandamos a Comisión de Investigación. Cremos que o PSOE neste tema é pouco intelixente e ademáis é absolutamente irresponsábel. Fica claro que tanto o PP como o PSOE teñen moito que agochar nesta cuestión”.

A deputada nacionalista avanzou na explicación do resto das propostas do BNG en materia de infraestruturas como a transferencia da xestión dos aeroportos ao Goberno galego, e o traspaso da rede ferroviaria convencional interna. Tamén pedimos que se recupere a titularidade pública da autoestrada AP-9 e un programa de descontos para os usuarios da AP-9.

En materia de infraestruturas, engadimos a solicitude de que se asegure a dupla vía no AVE de Madrid a Galiza “que está en entredito na actualidade”, e que se recupere definitivamente o tramo Ferrol-A Coruña no Eixo Atlántico ferroviario.

En canto ao sectores produtivos, Rosana Pérez explicou que demandamos un reparto das cotas para a pesca e das axudas da PAC ao agro “equitativas”.

Non se esquece ao naval, “un sector estratéxico e vital para a nosa economía, pedimos o levantamento do veto que pesa sobre Navantia Fene para construir buques civís, carga de traballo para os nosos estaleiros e a construcción do prometido mil veces dique flotante”.

No que atinxe ás demais proposta do BNG enmarcadas nun carácter social, económico e político, e destacou o recoñecemento do lexítimo dereito a decidir das nacións do estado fronte “ao contumaz inmovilismo do Goberno que se nega a modificar o modelo de estado”.

Salientou a necesidade de descentralizar os tributos para que “revirtan en Galiza” e por último, “aportamos unha serie de medidas sociais encamiñadas a recuperar os dereitos que este Goberno nos quitou, e a impedir que siga quitándonos dereitos como coa reforma do aborto e a lei de seguridade cidadá”.

Estas propostas de resolución foron rexeitadas.