Rosana Pérez critica ao Presidente da SEPI por minimizar o desvío de blocos do flotel a Cádiz

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, critica que o Presidente da SEPI minimizase na súa comparecencia no Congreso o desvío de blocos do flotel de PEMEX aos estaleiros de Navantia en Cádiz.

O Presidente da SEPI afirmou na súa comparecencia na Cámara con motivo da tramitación dos Orzamentos que o traslado de blocos do flotel ao astaleiro de Santa María é “insignificante”, e centrou o resto da súa argumentación na idea de que “estamos facendo que o grupo Navantia volte á construción naval civil”, desviando o tema ao xenérico, a pesar de que o compromiso era que Navantia en Ferrolterra o construise íntegramente. Rosana Pérez repróchalle que faga xogos de palabras cando están en risco miles de postos de traballo nas factorías de Navantia na Ría de Ferrol.

Igual que contradeciu os argumentos utilizados polo Señor Aguirre para o desvío de blocos a Cádiz, ao sinalar que se debía a “unha serie de retrasos” que podían levar á petición de compensacións. “As nosas noticias indican que pode haber unha ralentización calculada e medida por parte da dirección da empresa neste tema. Aquí a cuestión sería saber por que motivo non se comezou aínda a construir o flotel. Que se pretende con este retraso, xustificar que o estaleiro non é produtivo? Argumentar o traslado de parte do flotel a outro estaleiro distinto ao de Ferrol?”

A deputada do BNG entregou ao Presidente da SEPI unha serie de preguntas concretas e detalladas para que o responsábel da SEPI lle envíe respostas escritas nun periodo de quinces días, algo habitual nas comparecencias de tramitación dos Orzamentos. A pregunta fundamental que lle dirixe é “por que se incumpre con esta decisión o compromiso de que os asteleiros de Navantia na Ría de Ferrol fosen a construir íntegramente o flotel de PEMEX?”.

Outras preguntas que a parlamentar nacionalista entregou ao Presidente da SEPI é para saber como vai afectar esta decisión á plantilla do sector naval en Ferrol “porque existe en Ferrolterra unha grande inquedanza laboral”.

A fragata e o quinto gaseiro

En relación á fragata F-100, o Señor Aguirre limitouse a afirmar que é unha decisión de Defensa e que descoñece a que se debe o retraso. No que atinxe ao quinto gaseiro, explicou que se está a negociar, pechando a estrutura fiscal, pero fica aínda pendente a estrutura financeira que cre que pecharán en breve. Nese sentido, afirmou que “pensamos que se poderá cortar chapa, tal e como s dí no argot naval, entre xaneiro e febreiro de 2015”.

Rosana Pérez agarda que “non estemos ante outro anuncio como o realizado polo Señor Aguirre en outubro do ano pasado cando tamén falou de cortar chapa a inicios de ano e aínda estamos a voltas coas negociacións. Confiamos en que non sexa outro engano destinado a facer propaganda a curto prazo”.

En canto ao buque da Armada, a deputada do BNG lembrou que se “apuraron a facer o anuncio da súa construción en Santiago o día previo ás elecións europeos. Faltoulles tempo para anunciar este encargo e agora resulta que o Ministerio de Defensa non contempla investimentos en 2015 para a construción de novos buques. Aquí temos outra dose de promesas eleitorais incumpridas. A ver que nos agarda de cara as municipais próximas”. Nas preguntas dirixidas ao Presidente da SEPI, Rosana Pérez preguntou pola data concreta da construción do BAM.

A deputada do BNG non esqueceu nas súas preguntas a decisión do Consello de Ministros do pasado 25 de xullo de traspasar a Defensa a planificación e control das políticas do sector industrial, entre elas as do sector naval. “Cal é a estratexia empresarial de futuro para o sector naval público de Navantia? Cal é a intención, a de destinala en exclusiva á construción naval militar? Significa o acordo do Consello de Ministros a liquidación definitiva da construción naval civil dos asteleiros de Ferrolterra?

Finalmente, Rosana Pérez inqueriu nas preguntas entregadas ao Presidente da SEPI sobre os plans para Navantia na Ría de Ferrol a partir do 1 de xaneiro de 2015 cando remate o veto sobre a construción naval civil.