Rosana Pérez critica a Alonso "pola súa intervención de cor rosa e fóra da realidade"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, fixo unha dura crítica da primeira comparecencia do novo Ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, no Congreso no día de hoxe ao dicerlle que “non podemos compartir a súa intervención de cor de rosa porque está fóra da realidade que se vive no estado e adoece dunha total falla de autocrítica”.

Rosana Pérez lembrou que se trata dun dos Ministerios que maiores recurtes fixo en todos os ámbitos da súa competencia. A modo de recordatorio, puxo enriba da mesa o Decreto de 2012 que “rematou coa universalidade da sanidade. Non pode presumir de nada cun Decreto que provoca vergoña”.

Hepatite C: “Atendan con urxencia ás persoas que están entre a vida e a morte”

En canto ao tema da Hepatite C, Rosana Pérez reprochoulle ao Ministro que “non dixera nada novo que non dixo estes días nos medios de comunicación”. Destacou a lentitude de reacción do Ministerio de Sanidade desde que hai case un ano a Axencia do Medicamento aprobara o fármaco coñecido como Sofosbuvir. “Desde xaneiro de 2014, a súa antecesora no cargo, asegurou aos miles de afectados polo virus da Hepatite C que o problema se ía solucionar xa, pero tardaron meses en incluír os novos tratamentos no Catálogo de Medicamentos”.

Por riba, subliñou Rosana Pérez, “ven vostede agora aquí a falar da constitución dunha Comisión de Expertos para estudar que Señor Ministro?. Hai xa guías, criterios que vostedes endureceron, e de todo, só teñen que atender con urxencia ás persoas que están entre a vida e a morte”. A deputada do BNG criticou a doble moral do PP porque “cando tiveron que resgatar aos bancos actuaron con grande axilidade, pero cando se van decidir a actuar rapidamente para protexer a vida do que está a punto de perdela?”. Tamén reprobou as palabras de Alonso en relación a que as CC.AA “teñen marxe orzamentario para atender os casos de Hepatite C. Como pensa que as CC.AA poden financiar estes tratamentos cando en Galiza os hospitais están desbordados, colapsados polo repunte de gripe e o Señor Feijoó se limita a peder desculpas?”.

Probeza infantil: “Unha situación que non se daba desde a posguerra”

No que atinxe á probeza infantil, a deputada do BNG salientou os informes e ONG´s e outras asociacións sobre as escandalosas cifras de probeza infantil no estado español, con millóns de nenos e nenas nesa situación, “unha situación que non se producía desde a posguerra. Retrocedemos 40 anos Señor Ministro”. “Vostede ven aquí a facer anuncios e a falar de Plans cando nos Orzamentos non hai cartos para o facer todo o que dí, polo tanto todo que anuncia carece de credibilidade”.

Lei de Dependencia: “Hai miles de persoas desasistidas”.

En canto á Lei de Dependencia, Rosana Pérez reprochoulle as súas afirmacións de que se mantivera o sistema de Dependencia “cando hai miles de persoas desasistidas e totalmente desatendidas. Dicernos hoxe aquí que mantiveron o sistema é unha total falla de respecto”.

Ademáis, recalcou, fala de que se reduciron os números de dependentes, “non podería ser doutro modo porque faleceron moitas persoas”. Asemade, criticou que se deixase de cotizar polos coidadores e que se obrigase “ás mulleres a coidar a dependentes na casa gratis”.