Rosana Pérez censura o novo sistema de bolsas porque non garante o dereito á educación
Unha vez rematada a intervención do Ministro de Educación, foi o turno da deputada do BNG quen lle dixo que reiteramos a nosa opinión expresada xa cando comparecera a Secretaria do Estado no mes de xuño, e unha vez coñecido o regulamento con detalle, temos que dicer que se cumpriron os piores augurios: vulnéranse as garantías constitucionais do dereito á educación.
Rosana Pérez sinaloulle que a pesares do que din no preámbulo, vostés van excluir do ensino público non obrigatorio a miles de estudantes, do mesmo xeito que xa o fixeron en 2012. Nesa liña, salientou que isto que digo non é só a opinión do BNG. Coincidimos coas críticas de miles de estudantes, pais e nais, profesores, e co rotundo dictame do Consello de Estado ou coas críticas da Conferencia de Reitores que vosté se negou a receber.
Non é certo que manteñan o esforzo financeiro porque a contía das bolsas descendeu en 200 millóns
A parlamentar nacionalista contradeciu ao Ministro nas súas afirmacións de que se mantiña o investimento para as bolsas. Non é certo que o Goberno manteña o esforzo financeiro porque a contía adicada ás bolsas e axudas ao estudo descendeu. Hai 200 millóns menos. Unha contía que está conxelada desde hai tres anos mentras o poder adquisitivo das familias cae de maneira significativa.
Nese sentido, reprochou a Wert que vostés consideren que unha familia de catro membros que supera os 14.000 euros de ingresos xa está no nivel 2, cando o mesmo INE considera que unha familia de catro membros nun nivel de ingresos de 15.000 euros esta no umbral da probeza. A deputada do BNG insistiu en que se trata de dados obxectivos.
Para o BNG, puntualizou, as bolsas deben servir para cubrir as necesidades mínimas de aqueles que queiran estudar, independentemente dos esforzos porque xa hai requisitos académicos dabondo. E ademáis, lémbrolle que non estamos a falar de bolsas de excelencia, senón de axudas ao estudo. Censurou o favoritismo ao ensino privado porque mentras este Real Decreto exclúea miles de estudantes de familias humildes, segue apagar asa xudas de matrícula ao alunado das Universidades privadas.