Rosana Pérez apoia ás vítimas do Alvia no rexisto de sinaturas en pro da Comisión de Investigación

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, amosou o respaldo e o total apoio do BNG á Plataforma Vítimas Alvia 04155 que hoxe realizou unha concentración diante do Congreso dos Deputados para reclarmar a Comisión de Investigación Parlamentar sobre o sinistro do Alvia.

Os representantes da Plataforma presentaron hoxe no Rexistro do Congreso 115.000 sinaturas que piden a creación da Comisión de Investigación.

A deputada do BNG que estivo na concentración, declarou aos medios de comunicación que o BNG levará o tema da Comisión de Investigación ao debate de Política Xeral, "igual que fixemos o ano pasado. Este ano tamén formará parte das nosas resolucións e estará presente no discurso do BNG".

Afirmou que "a Comisión é máis necesaria que nunca á vista dos novos dados que se están coñecendo". Máis "a pesar de que o BNG o plantexou desde o primeiro momento nin PP nin PSOE aceitaron a proposta". Explicou que o BNG nunca renunciou nin renunciará a esta solicitude por "moito que se neguen unha e outra vez. Continuaremos reclamando a Comisión de Investigación".

Deixou claro que non é cometido dunha Comisión parlamentar depurar responsabilidades penais, algo que é competencia do proceso xudicial, "o obxectivo da Comisión é depurar as responsabilidades políticas. Á luz dos novos dados, está claro que as cousas non se fixeron ben, por iso é fundamental esclarecelo".