Rosana Pérez a Ana Mato: "Na súa actuación hai un paralelismo con Angrois. Foi irresponsábel"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixiuse esta tarde á Ministra de Sanidade, Ana Mato, para reprocharlle en primeira instancia a “súa falla de autocrítica” e puxo de manifesto o “paralelismo existente na súa xestión con outras actuacións graves como na traxedia de Angrois”.

“Como daquela dixeron que se cumprían todos os Protocolos, para modificalos a posteriori. Como daquela dixo que todo funcionou segundo o previsto, e como daquela queren remitir toda a responsabilidade ao fallo humano”, enfatizou. Nesa liña, afirmou que “por hixiene democrática, e igual que fixemos no sinistro de Angrois, deberían depurarse as responsabilidades políticas”.

Rosana Pérez tamén transmitiu a “admiración e a solidaridade do BNG co personal da sanidade pública e con Teresa Romero e a súa familia”.

A deputada do BNG definiu a actuación da Ministra como “irresponsábel, temeraria e tardía”. Rosana Pérez sinalou que “somos conscientes de que a decisión de repatriar aos misioneiros enfermos sen contar coa debida preparación e recursos materiais, foi unha decisión do máximo responsábel do Goberno, do Señor Rajoy. Pero a vostede debemos criticarlle a súa pasividade, a súa falla de previsión, e a súa indiferenza por non ter comparecido en agosto”.

“Cal é o seu papel Señora Ministra?”

Acusou a Ana Mato de “irresponsábel por non prever, non dotar de recursos á sanidade pública, igual que é responsábel de non ter proporcionado a debida formación ao personal sanitario. Ven a esta Cámara tarde, ao igual que o Señor Rajoy foi tarde o pasado venres ao hospital Carlos III, só a facerse a foto. Sempre tarde”. Rosana Pérez pregunou á Ana Mato que cal é o seu papel “Señor Ministra, sobre todo despois de coñecermos que nin siquera preside o Comité para a Xestión do Ébola. A súa xestión foi nefasta”.

No relativo á repatriación dos misioneiros enfermos preguntou a Ana Mato en que condicións se repatriaron. “Estaba o estado español suficientemente preparado para atender ambos casos, tanto a nivel de medios materiais como no relativo á preparación necesaria do personal? Impartíronse cursos de formación rigurosos e baixo o asesoramento de expertos no terreo?”, e mencionou á ONG Médicos Sin Fronteiras que levan desde marzo creando centros de tratamento contra o ébola en países de África.

Lembrou que a alerta pola epidemia de ébola en África Occidental comezou en marzo e “desde abril o personal da sanidade pública viña demandando formación”.

Irresponsabilidades políticas

Criticou os recortes na sanidade pública. “A pesar do pior brote de ébola, unha Comunidade Autónoma gobernada polo PP procedeu a desmantelar o principal centro de referencia en doenzas infecciosas que existe no estado español: o hospital Carlos III”. A pesar diso “ingresaron aos dous relixiosos nun centro practicamente valdeiro”. Reprochou a Ana Mato a súa ausencia de agosto, “pero incluso nada fixeron ao longo do mes de setembro. Cónstanos que en ningún momento se asesoraron ou pediron a colaboración de organizacións expertas en tratar o ébola sobre o terreo como é Médicos Sin Fronteiras”. Nese sentido, puxo de manifesto que é a organización que montou centros de tratamento en diversos países de África Occidental, expertos in situ que imparten cursos de formación en Bruxelas e aos que acude incluso o Exército de EE.UU ou Cruz Vermella.

Preguntou á Ministra de Sanidade “como é posíbel que contando aquí ao lado con profesionais de alto nivel non se demanda a súa axuda?”. Fixo unha batería de preguntas a Ana Mato relacionadas cos cursos, especialmente para saber que tipo de cursos recibiu o personal da Carlos III. “Sabe que multitude de secións de enfermería, médicos e demais personal sanitario está requerindo axuda con desesperación a ONGs experimentadas no tema do ébola? Non lle parece alarmante que o personal da sanidade pública non se fíe da súa propia Administración? Un dado revelador da inseguridade, desproteción e desamparo no que vostedes deixaron a magníficos profesionais”.

En canto ao Protocolo, puxo en cuestión que se puidera desenvolver con idoneidade habendo a carencia de medios que había. Así falou das pésimas condicións nas que os profesionais sanitarios que atenderon aos dous relixiosos infectados tiñan que traballar como a operación de desfacerse dos traxes de proteción. “Estivo Teresa soa neses procesos? Foi monitorizada en todo momento?”. E outra batería de preguntas estiveron relacionadas coas CC.AA: “Que colaboración se requeriu das CC.AA neste tema? Houbo xuntas previas coas CC.AA antes do contaxio de Teresa Romero?”.

Tamén censurou as lamentábeis descalificacións, improperios e a criminalización á que o Conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid someteu á auxiliar de enfermería galega Teresa Romero.