Rosana Pérez acusa a Soria de converter o recibo da luz "nun imposto revolucionario para as familias

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, realizou unha severa crítica no Pleno da Cámara á reforma do sector eléctrico do Goberno do PP e manifestou a oposición do BNG á lei.

Rosana Pérez acusou ao PP de tramitar “de forma exprés” unha lei tan importante. “Furtando o verdadeiro debate sobre o sector eléctrico. Unha reforma que serviu para pór en evidencia unha vez máis a que xoga o PP. Unha reforma que non foi ao fondo do problema, que non analizou as causas dos desorbitados prezos eléctricos, que se negou a considerar o subministro eléctrico como un servizo público e que non incide na causa estrutural do défice tarifario que non é outra que un sistema de xeración de prezos totalmente opaco e que produce grandes beneficios ás eléctricas”.

As consecuencias para os de sempre: consumidores, familias e empresas

Acusou ao PP de culpabilizar ás renovábeis, e de cargar as consecuencias sobre “os de sempre: consumidores, familias e empresas que verán incrementado o recibo da luz por quinta vez consecutiva nun ano”. Reprochou ao Ministro de Industria “o novo engano, unha nova mintira” porque as súas promesas de días atrás de que non se subiría a luz “son papel mollado”.

A deputada do BNG puxo enriba da mesa cifras: o recibo da luz subiu máis dun 80% nos últimos dez anos. E nos últimos cinco anos a factura media mensual pasou de 48,59 euros a case 80 euros. Un aumento de 350 euros anuais.

“Converteron o recibo da luz nunha especie de imposto revolucionario para as familias e as empresas”, enfatizou. Criticou a liberalización do sector que “non solucionou nada”. Rosana Pérez cualificou a situación de “escandalosa” e puxo de manifesto que un 12% da poboación vive na probeza enerxética.

Reprochou ao PP de levar ao estado español a encabezar tres ránkings: “o estado español ten o recibo enerxético máis caro de Europa, os salarios máis baixos e campións na obtención de beneficios por parte das grandes empresas eléctricas”. Nese sentido, sinalou que no ano 2012 as catro grandes eléctricas obtiveron 6.500 millóns de euros.

Foi moi crítica con Soria por “estar ausente no debate da súa reforma eléctrica”, e acusouno de perpetrar “un auténtico atraco ás economías familiares e ás empresas”.

GALIZA: por riba da media estatal en fogares que non poden manter as vivendas en temperaturas axeitadas

A deputada do BNG fixo especial mención á situación da factura da luz na Galiza. Segundo as estatísticas do INE, Galiza sitúase por riba da media estatal en fogares que non poden manter as vivendas con temperaturas adecuadas, máis do 18% da poboación nesa situación.

Lembrou Rosana Pérez que Galiza é excedentaria na produción de enerxía pero non é compensada por iso. “Asumimos altísimos custes sociais e medio ambientais, pero a reforma do PP non nos compensa”. Salientou que “temos as tarifas máis caras de luz por ter impostos propios”. Recalcou que temos “as pensións e salarios máis baixos do estado” e “resultamos especialmente afectados por esta reforma”.

Deixou claro a deputada do BNG que as nacionalistas galegas votan en contra desta lei.