Rosana Pérez acusa ao Ministro de Interior de "prácticas ilegais" cos inmigrantes en Ceuta e Melilla

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, fixo unha severa crítica da política en materia de inmigración que o Ministro de Interior está a ordenar, sobre todo nas fronteiras de Ceuta e Melilla.

Unha vez concluida a extensa exposición do Ministro de Interior na súa comparecencia no Congreso, e que basicamente se limitou a ler un informe da Garda Civil, foi o turno de intervención da deputada do BNG, Rosana Pérez, quen lle reprochou a falla de explicacións sobre unha serie de dúbidas que permanecen no ar sen resposta.

“Hai responsabilidades que depurar”

“As súas explicacións non nos aclaran determinadas dúbidas, que están poñendo de relieve as ONG´s da zona, ou a mesma Defensora do Pobo que anunciou a apertura dun expediente informativo de oficio polos feitos de Ceuta da semana pasada”, sinalou a deputado do BNG.

Rosana Pérez chamou a atención sobre unha das explicacións ofrecidas no informe da Garda Civil cando se sinala que “das 200 persoas que intentaron entrar, 23 inmigrantes se acercaron a menos de 25 metros da barreira. Chegaron á parte española e foron rexeitados, facéndose cargo as forzas marroquinas. Entón lle preguntamos: Se chegaron á parte española, como é posíbel que se devolvan a Marrocos estas persoas sen procedemento administrativo algún?”.

A deputada nacionalista cuestionou as maneiras e os procedementos porque: “Non se vulnera a normativa española e internacional neste eido? Non están a impedir o acceso a procedementos internacionais estabelecidos?”.

Rosana Pérez criticou os métodos “disuasorios” tan nomeados polo Ministro de Interior. Lembrou que varios inmigrantes declararon estar feridos polo impacto de pelotas de goma e outros métodos. “Considera Señor Ministro que o uso destes métodos é acorde á esencia humanitaria, respectan os dereitos humanos?”.

A deputada do BNG cuestionou a política inmigratoria do Goberno do PP, e lembrou as grabacións que evidencian os intentos de devolución de inmigrantes por parte da Garda Civil. “Que ten que dicer disto? Por que son prácticas claramente ilegais”.

Nese sentido, Rosana Pérez situou ao titular de Interior nas súas propias contradicións posto que “vostede mesmo admitiu que en casos puntuais se vulnerou a legalidade estabelecida. Entón, dado que houbo incumprimento da legalidade, non debería ir aparellado da conseguinte depuración de responsabilidades?”.