Rosana Pérez acude ao peche de campaña das CUP en Badalona

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, participa este serán no acto de peche de campaña das CUP en Barcelona, que terá lugar ás 20 horas na praza Maior de Badalona.

A presenza do BNG neste acto é mostra da solidariedade, confraternidade e apoio do BNG ás forzas políticas catalanas independentistas que teñen como obxectivo que o pobo de Catalunya se pronuncie democraticamente sobre o seu futuro político, e teñan dereito a optar por un modelo independentista, sen “coaccións nin ameazas do Estado e do Establishment”.

Exhibiráse un video do BNG no acto

En definitiva, en palabras de Rosana Pérez, “trátase de que cada pobo poida construir o seu futuro e o seu modelo de convivencia nun marco de liberdade e sen presións nin argucias anti democráticas”, en clara alusión á proposición de lei do PP de reforma do Tribunal Constitucional.

Ademáis da asistencia da deputada do BNG no Congreso ao acto de peche das CUP, o respaldo do BNG tamén se explicitará mediante a exhibición dun video que se proxectará durante o acto. É preciso lembrar que o BNG é unha das formacións asinantes da Declaración a prol das liberdades do pobo catalán, que se presentou coincidindo coa celebración da Diada e que en esencia pide respecto para o proceso político catalán.

Rosana Pérez salienta o apoio do BNG ao proceso soberanista catalán e a nosa “solidariedade perante as ameazas e os ataques de todo o aparato do estado e dos poderes económicos. Desde o inicio, entendemos a importanza dun proceso que é un clamor do pobo e que por moito que se empeñen é imparábel”. Lamenta a “enorme tensión e a chantaxe que o pobo catalán está a vivir por parte parte do Goberno central e de todas as organizacións políticas que rexeitan a pluralidade nacional existente no estado”.

A deputada do BNG pón de manifesto que “a máxima expresión da democracia non é a atroz agresividade que está a sofrer Catalunya por parte dos poderes de todo tipo, senón a oportunidade de poder expresarse nas urnas o vindeiro domingo. A democracia consiste en escoitar ao pobo e respectar a súa vontade e non en tratar de xogar constantemente á contra, intentando torcer a súa vontade cunha campaña tan virulenta que causa vergoña”.