Rodil: "O Goberno do PP está cruzado de brazos ante unha crise de prezos que afoga Galiza"
Propostas: restituír a tarxeta básica, subir as pensións non contributivas, mellorar a RISGA, axudas para gastos de vivenda e mobilizar 700 M€ a sectores produtivos e PEMES
Rodil traslada a sorpresa do Bloque pola docilidade de Rueda ante o Goberno central, que se di satisfeito pese a vir sen acordos concretos
O BNG reclama do Goberno do PP que deixe de estar man sobre man ante a maior crise de prezos dos últimos corenta anos, despois de que hoxe se dera a coñecer o IPC adiantado do mes de xullo, dato que mostra como, lonxe de moderarse, a inflación sigue descontrolada acadando o 10,8%, cifra que Galiza xa superou amplamente cun 11,1% en xuño.
“Estamos nunha crise brutal pero temos diante un Goberno do PP de brazos cruzados nunha Galiza que ten salarios e pensións máis baixas que na media estatal pero que soporta un aumento de prezos aínda maior”, criticou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “por contra, lonxe de axudar vai na dirección contraria, suprimindo a tarxeta básica ou aprobando unha lei que sube o prezo da auga a miles de galegos e de galegas”.
Neste sentido, Rodil subliña que a tarxeta básica permitía comprar alimentos e medicinas as persoas con menos recursos ás que o Executivo deixa en mans dos comedores sociais ou dos bancos de alimentos, en definitiva.
“Vemos ao PP substituír a política social por beneficencia e caridade algo que é inadmisible nunha sociedade democrática e avanzada”.
Ante a falta de propostas do PP, as alternativas do Bloque, empezando polas medidas de aplicación inmediata destinadas ás familias con máis dificultades: Restituír a tarxeta básica, aumentar o complemento autonómico das pensións non contributivas, mellorar a RISGA e facela compatible co IMV e aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, disparadas sobre todo pola factura da luz.
Pero tamén pon sobre a mesa medidas de apoio ás PEMES e aos sectores produtivos, en particular á pesca e traballadores do sector agroganderio, que mesmo producen por debaixo de custes polo incremento do prezo dos carburantes o da electricidade, tendo en conta, ademais, que a enorme subida da cesta da compra non repercute nos ingresos de que realmente produce.
Para iso, o BNG defende mobilizar 700 M€ dun orzamento que debe adaptarse á realidade actual. Como dato, destacar que o Goberno do PP deixou sen investir mil millóns de euros dos presupostos de 2021.
“O Goberno do PP debe poñerse as pilas, poñerse a traballar para axudar ás familias, á clase traballadora, ás persoas autónomas e ás pequenas e medianas empresas”, recalcou Rodil, quen fixo esta valoración do BNG tras a Xunta de Portavoces que convocou o pleno extraordinario para abordar a aprobación do teito de gasto para 2023, a celebrar o 3 de agosto, trámite previo á elaboración das contas públicas.
Para o Bloque o incremento de dúas décimas é “totalmente insuficiente” no actual contexto social e económico de crise que soporta a maioría social e o tecido produtivo. E ademais, critica a formación nacionalista, é absorbida polo Goberno central pese a que é Galiza quen presta os servizos sanitarios, educativos ou sociais.
En relación á reunión Rueda-Sánchez, Rodil tomou como referencia o comunicado de prensa emitido pola propio Goberno do PP, nos que en tres folios se limita en esencia a recoller a valoración persoal do presidente da Xunta sobre o encontro.
Sorpresa pola docilidade pese a falta de logros
“Explica que Rueda valora a vontade de avanzar, o ton cordial, as boas perspectivas, o diálogo, as mensaxes esperanzadoras, e resulta moi difícil poder valorar politicamente unha sensación persoal, indicou. É evidente que desa reunión non saíu ningún acordo concreto que se recolla no comunicado do Xunta, salvo a creación dunha mesa de seguimento en relación a A6 que reclamaba o BNG. Por iso, sorprende a actitude dócil do presidente da Xunta ante o Goberno do Estado e sorprende a satisfacción que expresa tras o acordo, cando apenas hai concreción algunha a favor de Galiza ou que vaia mellorar as condicións de vida dos galegos e das galegas”, argumentou a viceportavoz parlamentaria a preguntas dos medios.