Rodas: Feijóo vai a Bruxelas a facer unha foto.En Galiza deixa o sector ao pairo
O portavoz de pesca do BNG critica a viaxe do Presidente da Xunta a Bruxelas para aparentar que fai cando en realidade, o seu interese polo sector é nulo
O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, ven de cuestionar a viaxe do presidente da Xunta de Galiza, Núñez Feijóo lamentando que o fixera cando todo está decidido. É unha pena, asegura, que non fora ao Parlamento europeo antes de ter rematado o ano para impedir a aplicación do actual modelo de reparto de especies peláxicas como a xarda, que condena a flota galega a desaparición.
Este ano, explica o deputado, dun TAC de 1 millón de toneladas á flota do cerco galego, a maior número de toda Europa, correspóndelle 2.600 toneladas, unha ruína para o sector sector. A modo de exemplo, un barco do cerco hai poucos anos podía pescar 8.000 quilos de xarda cada día e agora co novo reparto correspóndelle 3/8/10/25.000 quilos por ano.
Nulo interese de Núñez Feijóo polos problemas do sector
Por outra parte, o Presidente da Xunta, engade Rodas, tampouco se interesou nin xestionou nada para impedir que haxa un descenso dun 26% nas cotas do xurelo na zona Ciem VIIIc e un aumento do 70% na zona Ciem IXa, cando Galiza é toda unha.
A nosa flota está atravesando unha situación dramática sen posibilidades de poder pescar xarda, nin sardiña e con escasas capturas para o xurelo na zona do cantábrico e sendo literalmente acosada polos corpos de inspección e seguridade. Mentres se afoga o sector, o presidente da Xunta vai de visita coa señora conselleira de Pesca por Bruxelas sen enfrontar ningún dos graves problemas que está a arruinar estas economías familiares.
Feijóo aproveita o camiño iniciado polo BNG en Bruxelas
E dado que o noso presidente non ten rubor en contradicir o que xa ten confirmado a Comisión Europea, por escrito, recoñecendo: que os contactos celebrados coa delegación de representantes do xeito, organizada polo BNG o pasado mes de decembro, foron determinantes para obter información sobre as consecuencias de incluír a esta arte de pesca artesanal na prohibición de redes de deriva e corrixir esta decisión. E dada a boa disposición do Comisario de Pesca, Feijóo, recalca o nacionalista, puido aproveitar para emendar a falta de información que tamén acontece coas actividades pesqueiras desenvolvidas nas augas continentais de Galiza na que existen diferentes artes de deriva como o trasmallo do Miño; a lampreeira; a muxileira, a varga da solla, ou a varga do muxo, que ata agora ninguén informou de que existen nin a ninguén lle preocupou que poidan prohibirse.
O sector síntese traizoado polas decisións políticas de Madrid, Bruxelas e Galiza
O BNG celebra que se teña invitado ao Comisario de Pesca a visitar o noso País, pero estamos escandalizados do escaso interese do presidente galego polos graves problemas do sector. O noso presidente é cómplice na perda de empregos, na destrución de actividade económica e no roubo dos dereitos históricos que temos os galegos a poder pescar e a poder exercer este traballo con dignidade.
Con esta visita, os armadores galegos, os propietarios de pequenas embarcacións e os traballadores do mar non poden sentirse acompañados polo presidente neste temporal, que non é provocado pola natureza se non polas decisións políticas que se adoptan en Bruxelas, en Madrid e na Galiza. Sentímonos traizoados.