congreso

Ribera (MITECO) e Planas (MAPA) deberán comparecer no Congreso pola eólica mariña, por petición do BNG

Néstor Rego

As solicitudes de comparecencia rexistradas pola frente nacionalista foron aprobadas na xunta de portavoces e o BNG urxe a introducilo na orde do día do Pleno canto antes

“Queremos deixarlles claro, tanto á ministra de Transición Ecolóxica como ao ministro de Pesca, que é indecente que hipotequen o futuro do sector pesqueiro galego e do complexo mar-industria para favorecer o oligopolio eléctrico” afirma Néstor Rego

A frente nacionalista apoia a mobilización convocada en Santiago de Compostela o vindeiro domingo, 23 de abril, para rexeitar o boom eólico depredador na Galiza

A Xunta de Portavoces do Congreso aprobou as solicitudes de comparecencia do ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, rexistradas polo BNG. para explicaren a posición do Goberno sobre a aprobación dos POEM e a grave afectación que suporá a implantación da eólica mariña no sector pesqueiro galego e a preservación da biodiversidade dos espazos mariños. A frente nacionalista reclama a inclusión, canto antes, destas comparecencias na orde do día do Pleno para posibilitar un debate en que exixirá, máis unha vez, a retirada dos Plans de Ordenación dos Espazos Mariños.

“O BNG, igual que a inmensa maioría do pobo galego e, explicitamente, a totalidade do sector pesqueiro da Galiza, rexeita a posibilidade de implantación de parques de eólica mariña na costa galega” avanza o deputado do BNG no Congreso. Unha planificación, a aprobada polo Goberno do Estado, que non contou “cun mínimo de equidade” posto que, segundo achega Rego, á costa da Galiza adxudicouse 50% da potencialidade da eólica mariña estabelecida en todos os POEM.

“Converte zonas de especial sensibilidade ambiental, chaves para manter a biodiversidade dos ecosistemas mariños e zonas que son caladoiros fundamentais da nosa frota pesqueira en parques industriais para a produción de enerxía para maior lucro dunha poucas grandes empresas do oligopolio eléctrico” subliña Rego. Nun contexto, ademais, onde “non é imprescindíbel a instalación” desta potencia xa que Galiza produce máis enerxía eléctrica da que consome e xa hai moitos novos parques aprobados ou en tramitación.

“Queremos deixar claro, tanto á Ministra de Transición Ecolóxica como ao Ministro de Pesca, que é indecente que hipotequen o futuro do sector pesqueiro galego e do complexo mar-industria do noso País, que dá traballo a millares de persoas, para favorecer o oligopolio eléctrico” sentenza Néstor Rego.

Nas institucións e na rúa: contra o “boom eólico depredador”

Esta iniciativa enmárcase dentro da ofensiva institucional que o BNG está levando a cabo nas institucións onde ten representación -concellos, Parlamento de Galiza, Congreso, Parlamento Europeo- para acompañar o rexeitamento do sector pesqueiro a esta implantación de parques industriais.

Alén do máis, a frente nacionalista tamén apoia as diversas mobilizacións convocadas na Galiza. “Hai que lembrar que o vindeiro domingo, 23 de abril, haberá un acto masivo en Santiago de Compostela rodeando os edificios administrativos da Xunta de Galiza para rexeitar o boom eólico depredador no noso País” apoia Néstor Rego.