Ribera comprométese co BNG a que os proxectos eólicos de Xubrintas e Alamoceiros teñan que someterse a tramitación ambiental ordinaria
A Ministra promete a Carme da Silva que o “Goberno non consentirá intentos de fragmentación” de proxectos eólicos na Galiza
A Ministra de Transición Ecolóxica admite que terán que facer a tramitación ambiental ordinaria porque a liña de evacuación supera máis de 40 quilómetros
Recuperar as exixencias ambientais, planificar a política enerxética frente ao caos e espolio actual e que reverta en beneficio da sociedade galega: medidas do BNG
“A Transición Ecolóxica non pode consistir en encher de aeroxeradores toda a Galiza, asumindo o custo social, económico e ambiental sen ningunha compensación” subliña
A senadora do BNG, Carme da Silva, demandou á Vicepresidenta Terceira e Ministra para a Transición Ecolóxica un cambio de modelo na implantación de proxectos eólicos na Galiza a través dunha maior planificación, entre Xunta e Estado, racionalidade e que repercutan positivamente no territorio. Da Silva conseguiu o compromiso de Ribera para tramitar a avaliación de impacto ambiental no caso do megaproxecto de Xubrintas-Alamoceiros e que o Goberno non consentirá os intentos de fragmentación nin tampouco se admitirá por parte do Ministerio.
Durante a sesión de control na cámara alta, o BNG preguntou as razóns polas que o Ministerio vén de seren desestimado o trámite áxil do megaproxecto de Xubrintas-Alamoceiros e obrigará ao seu trámite pola vía ordinaria coa avaliación de impacto ambiental. Ribera, durante a súa resposta, recoñeceu que os motivos se deben a que a liña de evacuación destes dous proxectos que afectan ao mesmo territorio superan os quince quilómetros, chegando a máis de corenta. Nesta mesma liña, recoñeceu á Da Silva que “é importante que haxa un crecemento ordenado e o cumprimento das normas”.
“Hai máis parques que superarán os 15 quilómetros”
Na réplica á Ministra, Da Silva mostrou a súa satisfacción ao saber que “non lle colou” a fragmentación deste megaproxecto eólico. “Hai máis megaparques pola mesma zona que poderían supor a instalación de 281 aeroxeneradores nun ámbito de 10 quilómetros e que tería unha grande afección” alerta a senadora nacionalista. Neste sentido, Ribera admitiu que “pode haber intento de fragmentación” mais “non é o que se vai admitir por parte do Ministerio. O Goberno non o consentirá”.
Planificar a eólica e beneficiar ao pobo galego
“Galiza asume os custos sociais, económicos e ambientais que non están vinculados á industrialización e os beneficios van para grandes empresas e fondos voitre” denuncia a senado do BNG. De facto, a maior parte dos beneficios van fóra da Galiza e non deixan nada no territorio galego. Ante esta situación, Carme da Silva exixiu á Ministra que sente coa Xunta de Galiza e “planifique racional e ordenadamente a política eólica que se implantará nos vindeiros anos na Galiza”.
Na Galiza, subliña a senadora do BNG, pagamos os custes mais non temos beneficios e ironizou sinalando que “non se contrata nin a un electricista”, en referencia ao escaso emprego que produce este tipo de industria no País. “Debe haber unha transición enerxética xusta para Galiza e que reverta no noso territorio. Do contrario, é un espolio pintado de verde, ao que se suma a eólica mariña” sentenza Carme da Silva.