Rexeneración democrática, Altri e vivenda pública centrarán as propostas de debate do BNG no primeiro pleno ordinario da lexislatura
Rexeneración democrática, Altri e vivenda pública serán os tres grandes temas de debate que o BNG levará ao primeiro pleno ordinario da XII lexislatura, que vai ter lugar a vindeira semana, tal e como se acordou na reunión de Xunta de Portavoces deste martes.
“Agora que o novo Goberno tomou posesión e está a pleno rendemento, é hora de que o Parlamento comece a traballar no importante e tan necesario labor de control ao Executivo”, asegurou a viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, que avanzou que a rexeneración democrática será o asunto sobre o que versará a primeira pregunta ao Presidente desta nova etapa no Parlamento.
En concreto, explicou, a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntará a Rueda polas medidas que ten previsto tomar o seu goberno en aras de impulsar a necesaria rexeneración democrática, “unha cuestión crucial e importante que ten que ver coa transparencia e o acceso do Parlamento e o conxunto da cidadanía a información relevante e importante”, apuntou Rodil.
A viceportavoz nacionalista avanzou, neste sentido, que o BNG presentará a votación unha proposición non de lei na que se solicita ao Goberno do PP unha auditoría externa que fiscalice a contratación pública da Xunta durante a pandemia. “O PP entregou a dedo, sen ningún tipo de procedemento público nin concurso unha cantidade inxente de recursos públicos”, subliñou Rodil, quen reclamou ao PP transparencia porque “hai contratos sobre os que nin sequera coincide a información da que dispón o Parlamento coa recollida polo Consello de Contas no seu último informe”.
“É esencial que o PP cumpra en Galiza o que está demandando a outros gobernos noutras administracións autonómicas e mesmo á estatal”, recalcou, aludindo así á auditoría que esixe o BNG diante de informacións que apuntan que o Goberno galego asinou máis dun millón de contratos sen concurso público por un importe de 4.000 millóns de euros no período 2918 e 2023.
O proxecto industrial que Altri quere desenvolver en Palas de Rei, cunha macrocelulosa que suporía “unha auténtica bomba medioambiental no corazón de Galiza” centrará unha das interpelacións que o BNG formulará no próximo pleno. Rodil salientou, sobre esta cuestión, a enorme preocupación social que está xerando este proxecto non só na Ulloa senón tamén en toda a bacía do Ulla e na ría de Arousa “polo impacto ambiental que tería, a contaminación do río e as consecuencias nos bancos marisqueiros”.
O grupo do BNG preguntará ao Goberno da Xunta cal é a súa posición sobre as previsións de Altri, unha que coñecido en detalle o proxecto, cuxa exposición pública está a piques de rematar.
O Bloque presentará no Pleno outra interpelación sobre vivenda porque, segundo apuntou Rodil, “é preciso garantir un dereito fundamental, especialmente á xente nova, que ten que iniciar un proxecto de vida autónomo cunhas garantías básicas”.