Retirada masiva de fondos de NGB, como medida de presión para evitar o espolio do aforro galego

A horas de que se abra o proceso de poxa por NGB anunciado polo ministro de Economía, Luís de Guindos, o BNG non da por perdida a súa loita contra a venda acelerada e opaca da entidade que consumaría o espolio definitivo do aforro galego, e fai unha proposta “porque aínda estamos a tempo de evitalo”, salienta o portavoz nacional, Xavier Vence.

Esa proposta está formulada como unha folla de ruta en cinco pasos: pedir a paralización inmediata do proceso de venda cando menos ata 2017, abrir un proceso de diálogo entre Goberno central e Xunta, -coa participación da propia entidade e das forzas políticas do Parlamento-, garantir o emprego, garantir a devolución integra dos 600 millóns de euros roubados na estafa das preferentes aínda pendentes e, por último, garantir a obra social e a permanencia do patrimonio cultural no país.

“O obxectivo é buscar unha solución galega para NGB, e acadar que continúa a ser  unha entidade galega, con sede e dirección aquí, centrada en canalizar ese 40% do aforro galego en dar crédito ás empresas e ás familias do país para reactivar a economía e xerar emprego”, explicou Vence.

Pero si esta opción no é posible, “o BNG non vai quedar quieto”, advirte o dirixente nacionalista, quen avanzou que o Bloque non descarta un chamamento á cidadanía e ás administracións para facer unha retirada masiva de fondos.

“Estudaremos medidas que dificulten o negocio gorentoso que buscan eses tabeiróns e eses piratas que se están a achegar a NGB, desde a retirada masiva de fondos por parte dos particulares, desde a retirada dos depósitos das institucións como os concellos e as deputacións, e tamén as Universidades e a Xunta. Ante a posible captura dunha entidade clave para o futuro do país, reaccionemos retirando os nosos fondos”, argumentou Vence.

“Quen queira comprar NGB ten que saber que os galegos e galegas non lle imos facilitar o proceso, non lle imos entregar o 40% do aforro do país, que saiban que queremos unha entidade propia, comprometida coa economía produtiva do país por encima de todo e que imos reaccionar. O negocio que van recibir non vai ser o que hoxe confiamos a NGB”, recalcou.

O dirixente nacionalista salientou a “exemplar” reacción dos 400 empresarios do polígono do Tambre contra a venda acelerada e reclama ao presidente da Xunta que actúe en defensa de Galiza. “Feijóo non pode seguir como espectador, ten que mollarse e pórse ao fronte dos intereses do país, non pode permitir esta humillación e converterse en cómplice e en traidor, esperando ao que en Madrid decida o ministro  de Guindos”, instou, tras salientar que a día de hoxe, ninguén deu unha explicación a Galiza de por que é o momento de vender NGB.

"Por que esta urxencia para vender NGB cando Bruxelas da de prazo ata 2017, para salvar Bankia a que se lle ten entregado 24.000 millóns de euros públicos, a quen lle interesa vender agora, a Galiza ou aos amigos da gran banca español do ministro de Economía como Botín"?, preguntábase Vence.

Vence indicou que o BNG propón converter NGB na banca pública galega, por considerar que a venda a un fondo especulativo “é a opción menos mala” en canto suporía, no mellor dos casos, aprazar o problema. Sen embargo, amosou a disposición da formación nacionalista a negociar outras alternativas coas condicións enumeradas na folla de ruta do Bloque.