En resposta ao BNG, o Goberno galego "desenténdese" de Freiremar

Adán contra o peche de Freiremar

A deputada do BNG, Carme Adán pide ao IGAPE que sexa “intervencionista” e busque unha solución para garantir os postos de traballo e o futuro da planta de Vigo

A parlamentaria do BNG, Carme Adán lamentou hoxe comprobar a “falta de palabra” do Goberno galego cos e coas traballadoras da planta de Feiremar de Vigo ao que sumou o incumprimento do acordo parlamentario na procura dunha solución.

Adán, no transcurso do debate da pregunta en comisión ao Goberno de actuacións sobre o cumprimento do acordo parlamentario, por unanimidade, do pasado outono sobre a planta de Freiremar, explicou que, tras a resposta do director do IGAPE só se podía deducir unha conclusión, “o Goberno galego non cumpre coa súa palabra dada en sede parlamentar e desentendese do futuro dos traballadores e traballadoras da planta de Freiremar en Vigo.”

A deputada lamentou que, a día de hoxe, non se poida trasladar ao colectivo de traballadores/as unha esperanza de futuro porque o Goberno galego escudase exclusivamente nas decisións da empresa.

A administración concede axudas das que non fai seguimento

A parlamentaria tamén cuestionou o papel das administracións públicas tras as axudas por importe e oito millóns de euros á empresa para dotacións en Freiremar que pasados os cinco anos de rigor, “son axudas que non se reclamarán”.

Adán lembrou as concentracións dos traballadores/as nas inmediacións do Museo Marco de Vigo reclamando que a administración os escoite e reclamando tamén xustiza ante os tribunais por un despido colectivo cheo de “mala fe” por parte da empresa. Desgraciadamente, dixo, detrás da dramática situación destas persoas, hai unha nova empresa do sector mar-industria que pecha sen que o Goberno galego “mova un dedo” para impedilo.

A Xunta evade responsabilidades

Pola súa parte, o director xeral do IGAPE afirmou que a Xunta seguirá impulsando as iniciativas do sector mar-industria e no caso concreto de Freiremar a Xunta trasladou ao representantes dos traballadores o seu apoio para velar polos dereitos laborais dos traballadores así como a revisións das axudas que no caso de non cumprir cos requisitos serán reclamadas.

Na quenda de réplica, a nacionalista criticou que a Xunta sega utilizando “boas palabras” ante un problema que precisa de medidas concretas, cousa que, ao seu xuízo , o director xeral do IGAPE non fixo, “vostede ven aquí a contarnos o relato de reunións co comité de empresa durante estes meses pero non ofrece ningunha solución efectiva para os traballadores e traballadoras nin para o futuro da planta de Vigo”.

No Parlamento galego estamos cheos de facer “epitafios”, T-Solar, Alimentos lácteos, e probabelmente tamén faremos o de Pescanova e lle podo asegurar, manifestou Adán, que resulta “moi desalentador” comprobar como a “política errática do PP” provoca que as empresas galegas “pechen unha a unha” sen que exista o mínimo indicio de cambio por parte da Xunta. Con Freiremar, moito me temo que vai suceder o mesmo polo que recomendamos ao Goberno galego que sexa “intervencionista” e busque unha solución.