A resolución do anterior Tax Lease aínda no ar e Soria fala de contratos en Navantia Ferrol

O Ministro de Industria, José Manuel Soria, comparecía esta tarde no Congreso a solicitude do BNG, para dar explicacións sobre o problema da falla de carga de traballo nos estaleiros de Navantia na Ría de Ferrol e información sobre a resolución do expediente aberto pola UE ao estado español polo anterior Tax Lease.

No primeiro caso, o relacionado coa preocupación existente entre os traballadores dos estaleiros públicos da Ría de Ferrol pola falla de traballo, na súa primeira intervención Soria omitiu calquer referencia, nen siquera nomeou a cuestión de Navantia, a pesar de que era un dos puntos da longa orde do día. Na réplica aludiu a algúns contratos.

No que atinxe ao tema do expediente aberto en 2011 ao estado español pola aplicación do anterior Tax Lease, expediente a estas alturas aínda pendente de resolución, o Ministro non concretou nen datas de resolución a pesar da xunta mantida recentemente entre Rajoy e Almunia, nen deu garantías de que os estaleiros non terán que devoltar as axudas. Limitouse a unha simple declaración de intencións pero non ofreceu nada que tranquilice ao sector. Soria dixo que a actuación do Goberno xira “en torno a demostrar que as axudas se aplicaron en base ao principio de seguridade xurídica e da confianza lexítima”. Afirmou que “estas axudas non se deberían devoltar como sucedeu en casos similares como cos estaleiros franceses”. Engadiu algo que o sector naval da Ría de Vigo ven advertindo desde hai tempo: “se se tivesen que devoltar as axudas, o de menos será dispór dun novo Tax Lease, porque os estaleiros non aguantarán”. Rematou afirmando que o Goberno “seguirá insistindo en base aos principios mencionados”.

O Ministro adica “só uns segundos ao sector naval galego”

A deputada do BNG foi moi crítica na súa intervención coa pasividade do Goberno no problema de Navantia na Ría de Ferrol. En primeiro termo, reprochou ao Ministro que atenda unha solicitude de comparecencia sobre este tema rexistrada polo BNG a finais de 2011, e que “nos máis de 40 minutos da súa intervención, só adicase uns segundos ao tema do sector naval, motivo das comparecencias solicitadas polo BNG, un sector estratéxico para Galiza pero de pouco interese para o Ministerio”.

Rosana Pérez censurou que “nada dixese da carga de traballo en Navantia, nen do veto, nen do dique flotante, nen dos contratos Pemex, nada Señor Ministro a pesar de que se cumpre unha semana da enésima folga xeral do naval en Ferrolterra”. Máis, engadiu, “despois de escoitar a reacción do Presidente da Xunta, o Señor Feijoó, amosándose decepcionado pola política comercial de Navantia, e do alcalde de Ferrol, “consternado”, ambos do PP, case é mellor que non diga moito máis”.

A deputada do BNG puxo de manifesto a nefasta política dos distintos Gobernos centrais nestes anos. “As actuacións dos Gobernos centrais sempre foron na dirección de destruir o sector”.

Ferrolterra vive unha situación limite e preocupación nos estaleiros de Vigo

Salientou a dramática situación pola que atravesa Ferrolterra: “gradas valdeiras, perda de postos de traballo de maneira acelerada, e miles de despedimentos nas compañías auxiliares. Non hai construcción militar, e no eido civil non hai vontade por negociar o levantamento do veto sobre Navantia Fene”. Subliñou que na comarca de Ferrolterra xa hai un 30% de paro, e na cidade ferrolana dun 32%.

Advertiu do perigo de “desmantelar o noso sector naval en 2015”. Criticou que a pesar das promesas e das declaracións do mesmo Ministro Montoro quen dixo que en marzo se ían cortar chapas, “a fins de xuño, as chapas nen están nen se lles espera”. Lembrou que hai seis anos que se fixo o último pedido por parte de Australia.

Preguntou ao Ministro “como se pode permanecer tan impasíbel ante a destrucción de postos de traballo? Sinalou que Ferrol é a última cidade galega en renda per cápita. “Qué horizonte económico, laboral e social existe para Ferrolterra? Que van facer para evitar a morte por inanición do naval?”. Reprochoulle a falla de actuacións en relación ao dique flotante, e por riba, “despois de meses de declaracións, o Presidente de Navantia aínda anuncia agora que fixo a consulta formal a Bruselas”.

Por último, referiuse ao Tax Lease poñendo de relieve “a preocupación e a inquedanza existente en Vigo despois de dous anos. Unha preocupación que medrou após a xunta entre Rajoy e Almunia, na que nada se aclarou”.

RÉPLICA DE SORIA

Na súa réplica, e en relación á carga de traballo de Navantia, Soria falou da “intensa actividad comercial de Navantia”, enumerando as 30 visitas a países estranxeiros en 2012 e a presentación de 50 ofertas. No que vai de 2013, sinalou que se fixeron 20 visitas a países e levan 14 ofertas presentadas.

Máis os froitos son escasos. O Ministro de Industria afirmou que Navantia Ferrol construirá unha fragata encargada por Australia, e un buque da Mariña de Arxelia. No que atinxe aos contratos con México, só fixo referencia á parte que están a facer os estaleiros de Cádiz.