O rescate das autoestradas madrileñas costará a cada galega e galego 75 €
- O BNG pide que a Cámara galega "se plante" ante este novo agravio
- Pontón pregunta a Feijóo sobre o pelotazo que pretende Villar Mir favorecido polo PP tanto en Ferroatlántica coa concesión das eléctricas como en OHL polo rescate das autoestradas madrileñas
- Demanda axudas polos danos das xeadas á produción vitivinícola e recrimina a “chulería” da resposta da consellería de Medio Rural ao sector
O BNG quere que o Parlamento “se plante” ante o rescate das autoestradas madrileñas para o que o Goberno de Rajoy reserva un mínimo de 3.500M€ nos orzamentos do Estado ao tempo que para rescatar aos galegos e galegas da estafa legalizada das peaxes da AP9 dispón de cero euros.
Ante esta discriminación, a formación nacionalista pretende acadar unha posición unánime en contra do rescate das “ruinosas” radiais, “porque se hai cartos para rescatar autoestradas a primeira debe ser a AP9”, alegou a portavoz nacional, Ana Pontón, para quen “é indefendible desde unha perspectiva galega e desde unha perspectiva democrática que nos digan que hai 3.500M€ para Madrid e cero para Galiza”.
Pontón salienta que, como colmo do agravio, cada galego e galega pagará 75€ para rescatar as radiais mentres se anuncian “novas subidas das peaxes, que xa supoñen unha estafa legalizada”.
O pelotazo de 255M€ que pretenden Villar Mir será obxecto da pregunta de control de Pontón ao presidente da Xunta. A dirixente do BNG fixo referencia ao beneficio ás prebendas que obtén este empresario agora imputado por presunto financiamento ilegal do PP, tanto no que afecta a Ferroatlántica e a súa pretensión de conseguir que o Goberno de Feijóo lle permita especular coas centrais do Xallas, como a través de OHL, construtora dunha das radiais madrileñas que será rescatada polo Goberno de Rajoy.
“É evidente que se ensarillan os intereses entre o PP e empresas, -OHL- que despois acaban aparecendo nas listas de Bárcenas ou nos últimos escándalos de financiamento como a Operación Lezo, en mans de imputados como Villar Mir e López Madrid que son os mesmos que pretenden o pelotazo coa venda das centrais. Todo vai na mesma dirección”, indicou Pontón.
A dirixente do Bloque advertiu contra a “campaña de mentiras” despregada pola multinacional para xustificar a súa petición de segregación. “Cando Villar Mir chegou había 500 postos de traballo directos nas plantas da Costa da Morte, a concesión era para mellora ese emprego e hoxe apenas hai 300. A construción do famoso forno 23 na fábrica de Dumbría foi anunciado hai 16 anos e xa recibiu axudas públicas, en pleno 2017 repite as mesmas promesas incumpridas”, denunciou.
Pontón, en liña co que defende o persoal, advirte que o único “salvavidas” para manter o emprego na Comarca é evitar a segregación das centrais da actividade industrial, todo o demais sería asinar a liquidación de 300 postos de traballo. O BNG pide que unha representación dos e das traballadoras explique no Parlamento a súa oposición á intención de Villar Mir de facer caixa cun recurso público.
Perdas por 72 millóns de euros
O BNG tamén leva ao próximo pleno a petición de axudas directas para compensar aos produtores de viño polas perdas causadas polas xeadas, que os sindicatos agrarios cifran en 72M€. Compensacións que deben aplicarse tamén a outras produción igualmente afectadas, como as da castaña en Ourense e Lugo ou o cultivos de horta e flores na comarca do Baixo Miño.
A deputada nacionalista criticou a “chulería” da titular de Medio Rural cando pretende despachar o asunto alegando que “o que é asegurable non é subvencionable”. “Se todo o que ten que ofrecerlle a consellería ao sector e actuar como comercial aseguradora privada non vai responder ante uns produtores moi tocados polas perdas desta xeadas”, indicou Pontón, tras lembrar que en ocasións similares se teñen concedido subvencións.
Fiscalía anticorrupción
Preguntada polos medios en relación á posibilidade de que Galiza conte cun delegado da Fiscalía anticorrupción, a dirixente do Bloque indicou que o importante é que esta institución funcione como tal, libre das directrices do PP, que poda facer o seu traballo sen interferencias do partido do Goberno. “Do contrario, non vale para nada”, indicou.
Pontón tamén recalcou que a posición do BNG en relación á investigación do accidente de Angrois sempre foi clara e contundente. “É indefendible que PP e PSOE vetasen no Parlamento galego a investigación deste accidente, e nós sempre imos estar con todas as iniciativas que busquen a verdade, a reparación e a xustiza nun caso como o accidente de Angrois”, concluíu.