Representantes do BNG non asistirán aos actos previstos en Tui coa presenza do Rei
Representantes dos concellos das Neves, de Tomiño e do Rosal, gobernados con alcaldías do BNG, non van asistir aos actos organizados na Comandancia Naval do Río Miño en Tui con participación do Rei de España o mércores 2 de setembro, segundo acordou a Executiva do Bloque Nacionalista Galego.
Deste xeito, as alcaldías nacionalistas destes tres concellos convidadas a participar neste acto non asistirán a este evento ao considerarse desde o BNG a monarquía como unha figura anacrónica e, cada vez, máis asociada a presuntas irregularidades económicas derivadas do abuso e do privilexio dos cargos que ostentan.
O BNG reafirma o seu compromiso coa defensa da Soberanía Nacional e a liberdade da nación galega para se constituír nun Estado soberano, democrático, laico e republicano; a República da Galiza.