Renata Briano transmite á Ana Miranda “excluír o xeito” da prohibición de redes de deriva

Protesta do sector da pesca do xeito ante o Parlamento galego

A portavoz do BNG en en Europa, Ana Miranda mantivo unha reunión coa ponente do informe sobre a prohibición de redes de deriva, a eurodeputada italiana Renata Briano trasladándolle a preocupación do sector ante o cese da actividade da arte do xeito

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda mantivo hoxe unha reunión coa eurodeputada Renata Briano, ponente do Informe sobre a prohibición de redes de deriva. Tras a xuntanza, Miranda manifestou a disposición de Briano de “non incluír a arte do xeito na prohición”.

No transcurso da reunión, a portavoz nacionalista fixo entrega dun dossier informativo sobre as características da arte de pesca do xeito (tradicional, sostible e selectiva) e o impacto para a economía e postos de traballo que provoca a falta desta actividade no sector.

Por outra banda, Ana Miranda esta mesa tarde manterá no Parlamento europeo outra reunión co Presidente da Comisión europea de Pesca, o bretón Alen Cadec co fin de seguir avanzando na busca de solucións a problema dos xeiteiros.

Asemade, en Galiza, representantes do sector do xeito participaron nunha xuntanza co portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas no Parlamento galego na que o deputado trasladou ao sector o acordo “unánime”, dunha Proposición non de lei do BNG debatida onte na comisión de Pesca.

Neste sentido, Rodas explicou que a prohibición afecta a 427 embarcacións polo que a iniciativa do BNG, aprobada onte no Parlamento galego, incluía “modificar a actual Orde do Goberno central excluíndo as artes tradicionais como a do xeito e autorizar a pesca da sardiña en augas interiores”.

Previamente a reunión cos portavoces parlamentarios de pesca, os representantes do sector realizaron unha protesta nas portas do Parlamento reclamando a continuidade da pesca do xeito.