Rematado o debate das emendas á Lei Wert, Rosana Pérez denuncia que o PP "empiorou a lei"
Esta tarde de xoves celébrase a última sesión da Comisión de Educación do Congreso para abordar o último bloco de emendas á LOMCE, entre elas as 55 do BNG.
Rosana Pérez defendeu as propostas do BNG para que non se conculquen as competencias exclusivas que en materia de ensino teñen as CC.AA e que a LOMCE vulnera totalmente. Propostas de defensa a ultranza do ensino público fronte á blindaxe dos concertos e a legalización das subvencións aos centros que segregan por sexo.
O BNG defendeu asemade os dereitos do profesorado que coa LOMCE fican mermados, tanto no aspeito laboral como no profesional. Rosana Pérez criticou tamén o sistema de xestión empresarial que se impón coa LOMCE e a eliminación do funcionamento democrático e participativo dos centros.
Incluso se poderá ceder solo público para construir centros privados
A aposta do PP polo ensino privado e o desmantelamento do público chega até o punto de que consentir que se ceda solo público para a construcción de centros privados. Cos impostos de todos e todas aumentarán os beneficios da patronal do sector.
Nacionalcatolicismo, centralismo, merma de dereitos democráticos e do profesorado, e moito ensino privado
A parlamentar nacionalista alerta do frontal ataque do PP ás linguas cooficiais como o galego, catalán e euskera, xa que acordará esta tarde unha transaccional con UPyD para que o castelán sexa a lingua vehicular en todo o estado. É unha regresión en tal grao que poderíamos afirmar sen complexo que a LOMCE supón unha volta a tempos preconstitucionais. Para a deputada do BNG a lei Wert resúmese nunha especie de credo nacional católico levado ás aulas, centralista, que se ensaña co ensino público para engordar o negocio do ensino privado, resta xestón democrática nos centros e reduce os dereitos do profesorado. Sen lugar a dúbida, estamos ante unha auténtica xoia que nos situará en níveis educativos de hai 50 anos.