En relación ao resultado das eleccións Europeas
10 de xuño de 2024 (22:28 h.)
- Tal e como se explicou, o BNG obtivo escano na noite electoral, algo que non sucedía desde 1999. A eurodeputada electa Ana Miranda ocupaba o posto número tres da candidatura da coalición, que logrou tres actas este 9X. Polo tanto, Ana Miranda resultou escollida de forma directa como eurodeputada da coalición para o vindeiro mandato e tomará posesión do seu escano o 16 de xullo.
- O BNG foi a forza que máis medrou das que integraban a coalición Agora Repúblicas. O resultado do BNG foi o mellor nunhas Europeas dos últimos 20 anos, e fomos a forza con mellor evolución con respecto ás eleccións de hai cinco anos.
- Dentro dos acordos internos de coalición, con base na achega cuantitativa de votos de cada forza e como foi práctica habitual nesta coalición en todos as anteriores experiencias, procederase a realizar axustes na parte final de mandato, con opción de escano compartido con ERC unha vez se teña o reconto definitivo de voto.
- En todo caso, o BNG -da man da eurodeputada Ana Miranda- desenvolverá unha actividade política plena en Bruxelas en defensa de Galiza durante os cinco anos de mandato, con inclusión de iniciativas e propostas durante todo o tempo. Nesta ocasión ademais coa vantaxe de ter escano desde o inicio da lexislatura e poder, deste xeito, escoller comisións de máxima relevancia para o noso país, como Pesca ou Transporte.
- Constatamos que ao PP o lle molesta que a nosa eurodeputada Ana Miranda vaia tomar posesión e defender os intereses de Galiza a partir do vindeiro 16 de xullo. Para frear Altri, para dicir non ao espolio enerxético ou para defender os nosos sectores produtivos, o escano de Ana Miranda será de novo unha voz comprometida co traballo e coa defensa dos intereses da sociedade galega.