Rego a Sánchez: “Cumpra coa Galiza no canto de chegar a acordos cun Feixóo que representa políticas perniciosas e antisociais”
“O BNG leva moito tempo reclamando a transferencia dos activos da SAREB á Galiza. Dicían que non era posíbel até que, coa proximidade electoral, parece que todo é posíbel” critica Néstor Rego
No marco internacional, o deputado reafirma a necesidade de abandonar a escalada belicista -apostando decididamente polas vías do diálogo e a negociación- e asumir a responsabilidade do Estado español co pobo saharauí e a descolonización do Sáhara
Durante a comparecencia do Presidente do Goberno no Congreso, o deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou o cumprimento dos compromisos adquiridos coa Galiza no que resta de lexislatura: transferencias como a AP-9, infraestruturas, sobre todo ferroviarias, atender a crise industrial, creación de xulgados. Por outra parte, Rego adianta que o BNG estará atento a que os anuncios en materia de vivenda non queden só en propaganda electoralista e se despregue, de verdade, unha política de vivenda pública. Alén do máis, no marco internacional, a frente nacionalista reforza a súa posición de aposta pola paz, abandonando a escalada bélica no conflito da Ucraína, e a rectificación do Estado español para a descolonización do Sáhara, a través do pleno recoñecemento da independencia da RASD.
O deputado do BNG no Congreso cualificou o discurso do Presidente do Goberno como “moi optimista e auto compracente” en contraposición coa realidade social, definida como “moi dura e difícil para amplos sectores das clases populares”. Unha realidade, sinalou, con dificultades para acceder a empregos dignos e estábeis, cuns prezos que soben moito máis que os salarios, especialmente na alimentación, enerxía e a vivenda.
“Falando de vivenda, estes días fixo anuncios importantes nesta materia que están ben. O que nos preocupa é que os faga agora, a un mes dunhas eleccións e non ao principio da lexislatura” alerta o deputado do BNG. De facto, Néstor Rego lembra que o BNG leva moito tempo reclamando a transferencia dos activos da SAREB á Galiza para desenvolver unha política efectiva de vivenda pública, sobre todo en réxime de aluguer. “Dicían que non era posíbel até que, coa proximidade electoral, parece que todo é posíbel” critica.
Na Galiza, sinala o deputado nacionalista, hai 1.830 vivendas da SAREB listas para habitar: “sinceramente, é unha indecencia telas baleiras”. Así mesmo, a Sociedade de Xestión dos Activos procedentes da Reestruturación Bancaria “continúa coa súa política de desaloxamento e presión a inquilinos para que abandonen as vivendas alugadas, como en Narón, Barro ou Vigo”. En todo caso, reafirma o compromiso do BNG para que se desenvolva unha política pública efectiva en materia de vivenda e “que estes anuncios non fiquen só en propaganda electoralista”.
“O seu goberno aínda non cumpriu boa parte dos compromisos coa Galiza. Por exemplo, en materia de transferencias, de normalización lingüística, resolución de crise industrial -especialmente ALCOA, As Pontes ou Vigo- ou mesmo, á loita contra a violencia de xénero, coa creación de novos xulgados específicos na Galiza. Semella que isto non, mais a Lei de só si é si bótana vostedes por terra cun pacto co PP para volver ao Código Penal da Manada” asevera Rego.
Especial fincapé realizou o deputado sobre os compromisos pendentes en materia de infraestruturas. “A transferencia da AP-9, a resolución rápida do corte da A-6, o impulso das infraestruturas ferroviarias e o Corredor Atlántico. Por certo, recoñeceu vostede que prestaron menos atención a este que ao Mediterráneo” enumera.
“Señor Sánchez, cumpra coa Galiza no canto de chegar a acordos cun Feixóo que xa demostrou no meu País as políticas perniciosas e antisociais que representa” interpela o deputado do BNG ao Presidente do Goberno.
Marco internacional durante a presidencia do Consello Europeo
“Sobre a Ucraína, a posición do BNG de aposta pola paz está moi clara e cada vez álzanse máis voces que piden abandonar a escalada bélica para traballar activamente pola paz” afirma o deputado do BNG. A última destas voces, moi significativa, a do Presidente brasileiro, Lula da Silva, que expresamente solicitou aos Estados Unidos de América e aos de Europa Occidental que “deixen de enviar armas á Ucraína e que centren os seus esforzos en buscar a Paz a través do diálogo e a negociación para unha paz xusta e duradeira”.
En opinión do deputado do BNG no Congreso, persistir no belicismo é prolongar o sufrimento e arriscar a escalada do conflito. “Por certo, os papeis do Pentágono permitíronnos saber que xa hai soldados de elite da OTAN en Ucraína. A pregunta é obrigada: hai militares do exército español na Ucraína participando directamente no conflito?” pregunta Rego durante a comparecencia do Presidente.
Alén do máis, o Bloque Nacionalista Galego continúa reclamando a rectificación por parte do Goberno a respecto do Sáhara Occidental. “O Goberno debe asumir a súa responsabilidade para a descolonización do Sáhara, apoiar o dereito á autodeterminación e o pleno recoñecemento da independencia e da República Árabe Saharauí Democrática” conclúe Néstor Rego.