Rego reclama a cesión gratuíta do Colexio Vello de Celeiro á Tesourería da Seguranza Social
A formación nacionalista recrimina a pasividade da Xunta de Galiza que aínda non se dirixiu á TXSS a pesar da urxencia de trasladar a Escola Oficial de Idiomas e crear a residencia de ASPANANE
BNG reclama que o Goberno do Estado se faga cargo das obras de rehabilitación e adecuación do espazo e garantir o uso público do inmóbel.
Bloque Nacionalista Galego denuncia a posición do Goberno do Estado en relación ao “Colexio Vello” de Celeiro por descartaren a opción de cesión de uso e considerar que é precisa a transmisión da propiedade do inmoble para poder empregalo. Así mesmo, a organización nacionalista recrimina á Xunta de Galiza por aínda non establecer contacto coa Tesourería Xeral de Seguranza Social para levar a cabo a cesión sabendo da urxencia de rehabilitar e localizar nestas instalacións a Escola Oficial de Idiomas.
A preguntas realizadas pola formación nacionalista, o Goberno do Estado insiste en que a única posibilidade existente é a venda das instalacións. Para o deputado do BNG no Congreso, este argumento non é razoábel posto que “a lei da Seguranza Social permite a cesión gratuíta dos bens inmóbeis sempre e cando se empreguen para fins de utilidade pública ou de interese previa comunicación a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado”. Ambas opcións, tanto a enaxenación do inmóbel como a cesión das instalacións, son posíbeis e só precisan “o acordo e a vontade de ambas administracións implicadas para levalo a cabo”.
Así mesmo, tal e como explica o deputado nacionalista, existen “outros casos na comarca de bens de titularidade da Seguranza Social que foron cedidos de maneira gratuíta”. Néstor Rego tamén destaca que “o Ministerio non quere asumir ningunha responsabilidade para a rehabilitación ou o propio mantemento do edificio. A pesar de que o edificio non ten agora ningún uso, e que se destinaría a unha finalidade de utilidade pública, consideran máis importante obter unha compensación económica”.
“É urxente que a Escola Oficial de Idiomas se poida trasladar a estas instalacións e ampliar a oferta de servizos que presta ASPANANE na actualidade nese edificio” destaca Rego. Esta asociación leva esperando anos a que esta cesión se faga efectiva e “non pode tolerar un novo atraso” polo que resulta imprescindíbel que “a Tesourería Xeral da Seguranza Social e a Xunta de Galiza cheguen a un acordo e se produza a cesión”. Mesmo, aclara o deputado nacionalista, a enaxenación do inmóbel, mais que poida realizarse o máis rápido posíbel.