Rego demanda a Puente que garanta a mobilidade ferroviaria diaria dos galegos e galegas con máis frecuencias e prazas
O deputado do BNG aproveitou a comparecencia do Ministro de Transportes para exixirlle que negocie coa UE e terminen coas peaxes da AP-9
Néstor Rego lembroulle “o Plan para ‘amputar’ o AVE galego, suprimindo a dupla vía e deixando quilómetros de vía única” e as dificultades creadas por larguras de vía diferentes.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixiu ao Ministro de Transportes na súa comparecencia hoxe polo ferrocarril, que garanta aos galegos e galegas a mobilidade diaria na Galiza nun transporte ferroviario de calidade con máis servizos e máis prazas.
Rego agradeceu as explicacións do Ministro e as súa desculpas aínda que “lle sirvan de pouco aos millares de galegos e galegas afectados neste verán por demoras e avarías sobre todo na liña de alta velocidade con Madrid, mais non só”. Lembrou que “levamos tempo con habituais demoras, cancelacións e falta de prazas, especialmente no Eixo Atlántico e servizos de media distancia.
O deputado do BNG retrucou os argumentos de Puente baseados nos problemas que derivan das infraestruturas e das obras en Chamartín, subliñando as principais deficiencias no deseño da rede galega que xa foi denominado como “o Plan para amputar a liña de alta velocidade entre Madrid e a Galiza, suprimindo a dupla vía e deixando moitos quilómetros de vía única”. E nisto, recalcou, “ hai responsabilidade das dúas forzas políticas (PP e PSOE)”. Neste sentido, mencionou o caso do tren avariado en vía única entre Taboadela e Ourense neste mes de agosto que “mantivo a vía parada durante máis de tres horas, o que non tería sucedido de contar con dupla vía”.
O deputado do BNG inquiriu ao Ministro se “pensan nalgún momento mudar o largo ibérico polo internacional que é o modo de arranxar parte do problema” dado que o propio Ministro recoñeceu que un dos principais problemas está no intercambiador de Taboadela.
Preocúpanos a mobilidade diaria dos galegos e das galegas
Alén das incidencias dos trens Avril e a alta velocidade, deixou claro que ao BNG “preocúpanos a mobilidade diaria dos galegos e das galegas”, en referencia á rede ferroviaria interna, nomeadamente o Eixo Atlántico, con frecuencias e prazas insuficientes que fai que moitos usuarios e usuarias fiquen sen coller o tren”.
Para Rego “ten que haber un servizo de calidade e, sobre todo, fiábel, que faga que os usuarios e usuarias confíen en que poden chegar a tempo ao seu destino”. Por iso, Néstor Rego demandou a Puente que aumente as frecuencias e as prazas do Eixo Atlántico.
Vinculado a isto, “seguimos reclamando que cumpran os compromisos con Galiza asinados co BNG: liciten xa o estudo para o servizo de cercanías neste ano 2024 para que Galiza teña servizos de proximidade nesta lexislatura. A mellora da liña Ferrol A Coruña, a modernización da antiga liña de FEVE e a execución do baipás de Betanzos e da liña Lugo-Santiago. Cumpran”, espetou ao titular de Transportes. O deputado do BNG aludiu á petición que fixo o Ministro de “calma e paciencia. Diso os galegos e galegas imos sobrados. Precisamos eficacia”.
Negocien coa UE e terminen coas peaxes da AP-9
Aínda que o debate estaba centrado no ferrocarril, Néstor Rego aproveitou a comparecencia do Ministro de Transportes para denunciar a situación da AP-9. “En relación da prórroga da concesión, vostedes acaban de responder a Bruxelas alegando indefensión. Direille que indefensión é a que temos os galegos e galegas por ter que pagar unha infraestrutura viaria que levamos 50 anos pagando e que está máis que amortizada e vostedes pretenden que continuemos pagando até 2048”, enfatizou.
Rego instou ao Ministro a negociar coa UE. “A UE dille que están dispostos a negociar para evitar a xudicialización do caso. Deberían facelo e terminar coas peaxes”.
Reúnase coa Asociación de Vítimas do Alvia
O deputado do BNG pediu ao Ministro que reciba á Asociación de vítimas do Alvia após dunha sentenza “agridoce”. “A asociación venlle pedindo unha xunta e coidamos que sería lóxico que a recibise como o fixeron os anteriores Ministros para escoitar a súa posición”.
Resposta do Ministro de Transportes ao BNG
Puente repetiu o guión que seguiu no Senado, reducindo os problemas ferroviarios da Galiza ao AVE ao facer unha comparanza dos tempos de viaxe no 2018 e no 2024 entre as principais cidades galegas (agás Lugo) con Madrid así como do incremento de prazas nesas liñas. De novo, a obsesión coa radialidade e as conexións con Madrid que marcou o seu discurso.
Mencionou algunhas das actuacións en marcha, moitas delas contempladas no Acordo de Investidura co BNG, mais non deu resposta ás principais cuestións formuladas por Rego como se ten pensado mudar o ancho ibérico da rede interior da Galiza polo internacional, se vai incrementar as frecuencias e prazas do Eixo Atlántico, se vai manter unha xunta coa Asociación de Vítimas do Alvia e se pensan negociar coa UE sobre a prórroga da concesión e poñerlle fin.
O BNG será incisivo con estes asuntos e fará un seguimento constante da tramitación do servizo de cercanías para Galiza así como doutras melloras do ferrocarril galego incluídas no Acordo de Investidura como o estudo da conexión Lugo-Santiago, xa licitado.