Rego a Bolaños: “Rectifiquen e respecten o dereito de reclamación colectiva sindical e a representatividade da CIG”
“O Ministro Bolaños mentiu dicindo que a Lei é interpretábel e esquece, ignora ou oculta, que a CIG ten a condición -por Lei- de sindicato máis representativo no conxunto do Estado español”
O deputado nacionalista salienta que o ministro evidenciou que o Goberno non ten argumentos para xustificar entorpecer a acción sindical en defensa dos traballadores e traballadoras.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que cese na súa actitude de obstruír, interferir e pór dificultades no traballo que están a realizar as organizacións sindicais exercendo o dereito de reclamación colectiva diante do Comité Europeo de Dereitos Sociais. Rego exixe a Bolaños que respecte a lexitimidade da CIG que, por Lei, ten a condición de sindicato máis representativo e que está a denunciar o incumprimento do Estado español coa Carta Social Europa en relación ao Salario Mínimo Interprofesional. “Deben rectificar, deixar de mentir e respectar o pluralismo sindical” resume Rego.
Ante o obstrucionismo do Goberno presentando alegacións ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais e pretendendo impugnar a lexitimidade da CIG que interpuxo unha reclamación polo incumprimento da Carta Social Europea, o deputado do BNG no Congreso exixe a Bolaños na sesión de control do Congreso unha rectificación.
Unha reclamación, a da CIG, que deixa en evidencia que o Goberno incumpre a Carta Social Europea en relación co Salario Mínimo Interprofesional. “Cos criterios do propio Comité e cos datos que utiliza do Eurostat o SMI, para cumprir 60% do salario Medio, debería situarse por volta dos 1253€ e, por tanto, cos 1.134 actuais aínda fica lonxe” evidencia Rego.
Frente a esta reclamación da central galega, o Goberno impulsou “manobras obstrucionistas como as alegacións presentadas pretendendo impugnar a lexitimidade da CIG, a primeira central sindical da Galiza. É vergoñento que aleguen que a CIG se trata dun sindicato galego e non estatal: por centralista e por non respectar a legalidade”, denuncia Néstor Rego. O deputado nacionalista lembra que, conforme á Lei Orgánica de Liberdade Sindical, a Confederación ten a condición de ´sindicato máis representativo` no conxunto do Estado e por iso representación en organismo institucionais como o Consello Económico e Social.
Manobras obstrucionistas e paus nas rodas
“O seu Goberno está a dificultar o exercicio dun dereito esencial como é a reclamación colectiva diante do Comité Europeo de Dereitos Sociais, nega a lexitimidade á CIG e mesmo recusou a dona Carmen Salcedo como membro dese Comité” afirma o deputado nacionalista. De facto, estase a debater no Comité a recusación que presentaron contra a profesora “entendo que a presentaron por considerar que podía ser favorábel a reclamacións sindicais como a presentada en relación coas condición de despedimento ou co Salario Mínimo Interprofesional”.
Rego lembrou que mesmo o seu sindicato de referencia, “o que se denomina ou denominaba sindicato socialista”, denuncia que o goberno está pondo “paus nas rodas” á reclamación colectiva.
O Goberno non pode mentir e debe rectificar
Rego denunciou a actitude do Ministro da Presidencia, Xustiza e Relación coas Cortes ao negar -durante a pregunta- a lexitimidade da CIG e alegar que a lei era interpretábel. “O Ministro mentiu con esta afirmación e mesmo esquece, ignora ou oculta que a CIG ten a condición –por Lei- de ´sindicato máis representativo` no conxunto do Estado” asevera.
“Sr. Bolaños, deben rectificar, respectar o pluralismo sindical e recoñecer, para todos os efectos, a representatividade da CIG, conforme á Lei. Se non respectan a CIG non están a respectar os traballadores e as traballadoras galegas; non nos están a respectar. E deben deixar de obstruír un dereito sindical esencial. Se non respectan o labor sindical tampouco están respectando os dereitos dos traballadores e traballadoras. Rectifiquen, poden e deben facelo” exixe o deputado do BNG durante a sesión de control do Congreso.