Rego anuncia emenda nos OXE para mellorar a seguranza viaria da N-541 ao seu paso por Cercedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade

O deputado nacionalista participa da concentración veciñal e demanda ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que actúe para solucionar os problemas de seguranza e accesibilidade en Calvelo

Ernesto Filgueira comprométese a seguir traballando “con todas as forzas” até conseguir melloras no concello pontevedrés

O deputado do BNG Congreso, Néstor Rego, participa na concentración veciñal en Cerdedo-Cotobade para demandar melloras na accesibilidade e a seguranza viaria na N-541 a altura de Calvelo. Rego, acompañado de militantes da organización e o voceiro municipal do BNG, Ernesto Filgueira, anuncia o rexistro dunha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para levar a cabo unha actuación ante a falta de seguranza para viandantes e a carencia de sinalización e iluminación, entre outras.

A concentración levada a cabo no núcleo de poboación de Calvelo, en Cerdedo-Cotobade, á altura do almacén de Celso Míguez realizouse posteriormente a un encontro que mantiveron o deputado no Congreso do BNG, Néstor Rego, e o voceiro municipal, Ernesto Filgueira. Nesta xuntanza, a formación nacionalista deu conta das iniciativas rexistradas a nivel municipal- que contou co apoio unánime da corporación municipal- e na cámara baixa do Estado, así como da emenda presentada nos anteriores OXE.

“É preciso consignar unha dotación orzamentaria para esta actuación. A falta de seguranza para os viandantes, a carencia de sinalización e iluminación, poñen en risco aos peóns e vehículos” explica o deputado do BNG no Congreso. Rego urxe realizar mellorar neste tramo para garantir “a seguranza viaria da zona entre as que, como prioritarias, atópase a construción dunha rotonda en Ventoxo, incorporar carrís de cruzamento e a incorporación nas interseccións, así como a mellora do pintado horizontal, invisíbel en días de choiva”.

Así mesmo, o deputado considerou imprescindíbel realizar no Concello de Cerdedo-Cotobade, a reposición do pavimento cunha base antideslizante, igual que a mellora dos peraltes. “As zonas máis afectadas son a urbanización das travesías de Dorna en Santa María de Sacos, Barbeitos e a Longa en San Xurxo, Viascón e Tenorio” enumera o voceiro municipal, Ernesto Filgueira. Da mesma maneira, son precisas as melloras na entrada este de Cerdedo e nos accesos do Cádavo e Cutián de San Xurxo.

Neste sentido, Rego anuncia o rexistro dunha nova emenda no Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado, da mesma maneira que fixo nos de 2021, para demandar a construción dun paso elevado “que permita a comunicación para os peóns dos dous lados de Calvelo” e a creación dun carril de incorporación dirección Ourense á altura do café Obelix.

“Tamén, nesta emenda, queremos que o Goberno do Estado constrúa unha plataforma peonil paralela á estrada, que garanta o acceso seguro de Calvelo até Tenorio, onde se atopan os servizos básicos como o supermercado, a carnicería, o centro de saúde e mesmo os centros escolares” enfatiza Rego.

Así mesmo, a formación nacionalista incidiu nos graves problemas que supón ter un estreita beiravía da estrada e unha marquesiña que se “asolaga cando chove e crea problemas engadidos non só de accesibilidade, senón tamén de seguranza”. Destaca que, o problema agrávase de maneira especial para as crianzas e para as persoas maiores que empregan a beiravía e a marquesiña en diversas ocasións. “O BNG vai seguir insistindo con todas as forzas para lograr que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana poña solucións aos actuais problemas de accesibilidade e seguranza na N-541” conclúen.