A reforma fiscal do PP é un atraco á maioría social, asfixía as Autonomías e fai perigar as pensións
Por iso, o BNG empraza ao presidente do goberno galego a explicar cal é a postura que defenderá a Xunta e anuncia unha campaña de información á cidadanía que debe ser consciente do que se prepara.
Queremos que o señor Feijóo explique que vai facer para impedir esta nova agresión e cal é a súa idea de como Galiza vai financiar no futuro os seus servizos públicos e o apoio aos nosos sectores produtivos, que explique se vai aceptar que se desmantele o noso autogoberno para que todo se decida en Madrid, demandou Vence.
Estamos ante unha proposta regresiva no social que bombea recursos das clases populares cara as clases ricas. Non é verdade, como din os expertos do PP, que non deixen títere con cabeza, o que fan é deixar protexida a unha minoría e cortan a cabeza e baleiran os petos das familias, da clase traballadora e da clase media, explica Vence, quen cualifica a reforma de involución fiscal favorable aos ricos.
Como evidencias, cita a redución dos tramos altos do IRPF, a supresión do imposto de patrimonio que beneficia ás fortunas, a rebaixa do imposto de sociedades para todas as empresas, con independencia de que sexan Pemes ou multinacionais.
Por contra, espreme ás familias, e cita dúas propostas especialmente crueis: subida do IVE á maioría dos alimentos da cesta da compra e a proposta de novos copagamentos en sanidade e educación. Os presupostos das familias se verán especialmente minguados. O BNG viña reclamando que determinados alimentos como a carne ou o peixe pasaran ao tipo supereducido do 4%, o PP estuda elevalo do 10% actual ao 21%, explicou.
Convidan ás CCAA a máis copagamentos
Igualmente, a reforma que prepara o PP é absolutamente recentralizadora porque elimina a capacidade normativa das CCAA sobre o IRPF, suprime impostos propios como o de patrimonio e os medioambientais, e reduce as competencias sobre os impostos de sucesións e doazóns. A cambio lles propoñen ás comunidades autónomas que incrementen os copagamentos á cidadanía para financiar servizos. Esa é a gran liberdade fiscal que lles reservan, denuncia.
Cargarse a Seguridade Social
O terceiro gran eixo deste atraco fiscal é minar o actual sistema de pensións reducindo a recadación da Seguridade Social. Propoñen a redución das cotizacións empresariais á seguridade social que implica unha redución das pensións no curto prazo e que a insolvencia do sistema a longo prazo, argumenta o dirixente nacionalista.
Neste sentido, Vence chama a atención sobre o feito de que o único suposto de dedución no IRPF sexa precisamente as aportacións aos fondos privadas de pensións. Desaparece a desgravación pola vivenda, pero se pode continuar desgravando os fondos privados de pensións, argumenta. Por contra, non se propón nada para a evasión fiscal, e as grandes empresas que figuran no IBEX, poden seguir tributando fora do país.
Estamos ante un paquete de medidas regresivas no fiscal, que van aumentar as desigualdades fiscais, que empobrecerán a maioría da cidadanía do país e que esnaquiza a capacidade financeira de Galiza cargándose o noso autogoberno, conclúe Vence.
Propostas do BNG
O portavoz nacional anunciou que o Bloque prepara unha proposta fiscal alternativa para Galiza que, entre outras medidas, propón mellorar a progresividade do IRPF subindo o tramo das rendas máis altas, manter o imposto do patrimonio para gravar as fortunas, evitar a evasión fiscal das grandes empresas, e cambiar de raíz a cotización das sociedades de investimento de capital variable (SICAV), que hoxe tributan ao 1%.
É impresentable que a fiscalidade sexa máis favorable aos rentistas que aos que traballan, da mesma maneira que é intolerable manter taxas de fraude fiscal do 25% nun mundo en que, noutros aspectos, son capaces de controlarnos ata o mínimo detalle, criticou Vence.
Expertos do PP
O portavoz nacional tamén chamou a atención sobre o perfil dos expertos seleccionados polo PP. Representan aos lobbies neoliberais e as políticas que impón a Troika, e non é casual que case todos traballen en universidades privadas de Madrid, ou pertenzan aos gabinetes de estudo do Banco Santander, do Banco Central Europeo e do Fondo Monetario Internacional.