Recurso contra o pensionazo: o BNG érguese fronte ao veto contra Amaiur interposto por PSOE e UPyD

O Bloque Nacionalista Galego quer denunciar que o antidemocrático veto interposto contra Amaiur por PSOE e UPyD impide que o recurso ao Tribunal Constitucional contra o decreto de non actualización das pensións vaia ser asinado conxuntamente por todas as forzas da oposición.

É intolerábel en termos democráticos a exclusión, por motivos puramente sectarios, dunha forza política representativa dun importantísimo sector da populación basca –hoxe Amaiur é a segunda forza política de Euskadi.

Forza impulsora do recurso

O BNG foi forza impulsora da apresentación deste recurso –unha iniciativa xurdida durante a recente comparecencia da ministra Fátima Báñez no Congreso dos Deputados-, mas o BNG non vai tolerar nunca que ninguén se arrogue o dereito a decidir que forzas políticas democráticas poden ou non poden asinar un texto.

Cumpre esclarecer tamén que o recurso aínda non foi asinado por ningunha forza política e, consecuentemente, aínda non foi rexistado perante o Tribunal Constitucional.

Durante esta mañá, o PSOE intentou organizar unha apresentación perante os meios deste recurso e convidou a diversas forzas políticas a participar no acto. O BNG decidiu non participar nesa comparecencia perante a imprensa en canto coñeceu a decisión de PSOE e UPyD de excluír Amaiur.