Recurso contra a "mordaza ilegal" que a Xunta Electoral coloca ao BNG nos medios públicos de Galiza

O BNG presentou na Audiencia Provincial da Coruña o recurso dirixido á Xunta Electoral Central (XEC) contra a decisión da súa homóloga provincial de distribución de tempos dos espazos electorais nos medios de comunicación públicos de Galiza, -CRTVG e desconexións territoriais de RNE e TVE-, na que atribúe a formación nacionalista, con 103.000 votos nos comicios de 2009, menos tempo (10 minutos en toda a campaña), que a unha forza política como UPyD con 14.148 votos (15 minutos).

“Equipárannos a partidos irrelevantes ou inexistentes ata agora no país, polo que entendemos que se trata dunha decisión inxusta, discriminatoria e que non cumpre a legalidade”, explica o portavoz nacional, Xavier Vence, xa que, segundo a Lei electoral ao BNG correspóndenlle 30 minutos nos medios públicos en función dos votos obtidos, igual que a ERC, Aralar ou EA, socios de coalición nas últimas eleccións, aos que se lles ten asignado esa presenza por parte das Xuntas provinciais de Euskadi e Catalunya.

Nun acto de protesta, simbolizando coa boca tapada a “mordaza ilegal” que lle impón ao BNG a decisión da Xunta Electoral Provincial, Vence reclamou “o dereito legal a un reparto xusto dos tempos, fronte a unha decisión, discrecional, arbitraria, inxustificada e ilegal, máxime cando non se corresponde coa decisión adoptada en Catalunya e Euskadi”.

O BNG confía nunha rápida e positiva resposta ao recurso da formación nacionalista presentado ante a Audiencia Provincial da Coruña, presentación formal ligada a un acto de protesta que, ademais de Vence, contou coa participación do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, da deputada Montse Prado, e de responsables da Executiva nacional xunto con medio centenar de militantes e simpatizantes.

Discriminación con Euskadi e Catalunya

O reparto aprobado pola Xunta Electoral Provincial de Galiza parte do criterio de que o BNG non se presentou ás eleccións europeas en 2009 e que, polo tanto, nin obtivo votos, nin obtivo representación. Sen embargo, a Xunta Provincial de Euskadi e de Catalunya compútalle ás formacións políticas socias de coalición do BNG nos pasados comicios, -ERC, Aralar e Eusko Alkartasuna-, o número de votos obtidos nas eleccións de 2009 no seu territorio e lle asigna, en función deses votos, o tempo correspondente nos medios públicos deses territorios.

A realidade é que o BNG obtivo 103.000 votos nos pasados comicios, un 9,08% dos sufraxios galegos, cifras polas que, segundo a lei electoral, a formación nacionalista debería recibir 30 minutos nos medios públicos e non os 10 aprobados pola Xunta Electoral Provincial para toda a campaña.

Esta “disparatada” interpretación “ten como consecuencia que o BNG recibe menos tempo que UpyD, pese a que esta formación obtivo en Galiza 14.148 votos, o 1,24% do total, ou que reciba o mesmo tempo nos medios públicos que formacións políticas ata agora inexistentes ou irrelevantes desde o punto de vista do apoio social”, explica Vence.

Apoio de 103.000 electores

“O BNG recibe o mesmo trato que o Partido Animalista, Partido dos Piratas, a Falanje Española de las JONS, Democracia Nacional, Partido X ou Movimento Corriente Roja e outros”, denuncia o dirixente nacionalista. “A opción política de 103.000 galegos e galegas nas eleccións europeas non pode ser considera igual que calquera partido que se lle poda ocorrer a calquera individuo ou grupo, ata agora inexistente ou sen presenza no país”.

“É un atentado aos dereitos da cidadanía e a democracia, porque intentan silenciar a unha parte moi significativa dos electores e electoras deste país. Non somos o mesmos que o Partido dos Piratas, que o Partido X, que o Movemento Corriente Roja, que a Falanje ou que calquera candidatura de última hora sen presenza política no país, pero para a Xunta Electoral parece que si”, reiterou Vence.

Por respecto e equidade esperamos que se rectifique e se nos recoñeza a representación que ten o BNG no país”, concluíu Vence, tras salientar que o recurso se presentará mañá mesmo ante a XEC.