Recurso de inconstitucionalidade á Lei Wert e apoio do BNG á xornada de folga do 20 de febreiro

Ás políticas de recorte do PP non deixan marxe para a xente nova, con taxas de paro xuvenil do 52% e unha emigración masiva da mocidade galega desde o inicio da crise, situación que, o portavoz nacional, Xavier Vence, considera será máis grave no futuro coa LOMCE, unha lei educativa que cualifica de “clasista, retrógrada, privatizadora e inconstitucional”.

Nunha comparecencia ante a biblioteca central da USC con responsables das mocidades do BNG, Vence reclamou ao Goberno de Feijóo que recorra a Lei Wert ante o Tribunal Constitucional e xa anunciou que o Bloque vai presentar unha proposición non de lei no Parlamento galego para que a Cámara autonómica se pronuncie no mesmo sentido.

“Reclamamos á Xunta de Galiza que leve ante o Tribunal Constitucional esta lei, que é inconstitucional porque invade as competencias do noso Estatuto de Autonomía, as competencias plenas que temos en materia de Educación e, ao mesmo tempo, presentamos unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno no Parlamento, na que formulamos presentar un recurso de inconstitucionalidade para que tamén haxa un pronunciamento desde esta instancia”, explicou Vence.

O dirixente nacionalista considera que tanto a Xunta como a Cámara autonómica deben actuar contra a Lei Wert “por ser inconstitucional, clasista, porque destrúe moitas das conquistas dunha educación igualitaria e pública, porque é privatizadora e porque representa un paso atrás que non podemos consentir”, argumentou Vence, quen anunciou o apoio do BNG á manifestación estudantil convocada para o vindeiro 20 de febreiro baixo o lema Érguete polo ensino público galego.

A LOMCE “vai afectar dun xeito moi grave aos fillos e fillas das clases populares que terán máis difícil chegar á universidade”, concluíu Vence.

Na comparecencia de apoio á folga estudantil, o portavoz nacional estivo acompañado de membros de Galiza Nova, unha das organizacións que apoian a convocatoria. Alba Sánchez, responsable da área de Ensino, fixo fincapé en como lle afectan como estudante “os recortes das bolsas e das axudas universitarias”, e cualificou de necesario enfrontar as políticas que pretenden desmantelar o ensino público, universal e de calidade. “O ensino é un dereito, non un privilexio, que é non que o queren converter. Por iso temos que saír á rúa”, asegurou.

Desde as mocidades do BNG, explicou o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, “queremos chamar a tod@s @s estudantes a participar nas manifestacións do 20 de febreiro ás 12:00 horas, e facemos un chamamento a esa participación porque desde o sofá non hai solución, hai que erguerse polos dereitos porque se deixamos que se destrúa o ensino público nunca máis será recuperable”, alegou.