Os recortes en Sanidade e Educación agravarán a recesión galega, xa maior que a española
"O día de onte foi un día de loito para as políticas sociais e os servizos públicos", declarou Jorquera a respeito dos decretazos aprobados onte no Congreso dos Deputados. O candidato do BNG á presidencia da Xunta atendeu aos meios antes de se reunir en Vigo coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área viguesa. Os recortes non só son antisociais, mais tamén agravarán a recesión da economía galega, xa máis profunda que a española.
Para Jorquera, o Goberno do Estado atenta contra o principio básico de que a sanidade pública debe ter un carácter gratuito e universal. Na reunión coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Vigo o candidato do BNG á presidencia da Xunta estivo acompañado pola secretaria de Comunicación da Executiva, Carme Adán, e o portavoz do grupo municipal nacionalista, Santi Domínguez.
Recortes sen precedentes
Estamos a falar de recortes sen precedentes que irán degradar o sistema público sanitario e o sistema público de ensino. Recortes que atentan contra o seu carácter gratuito e universal, denunciou Jorquera que foi alén ao enlazar estes decretazos co colofón da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira.
O obxectivo que perseguen as políticas do PP é abrir vías de negocio á sanidade privada
Na reunión do CPFF o PP impuxo novos recortes ás comunidades autónomas, recortes que inescusabelmente atinxirán negativamente os servizos públicos que empresta a Xunta de Galiza, alegou o candidato do BNG, quen criticou a Feijóo por aplaudir o que na práctica resulta unha nova invasión do ámbito competencial da Administración galega.
En Galiza, engadiu, temos uns orzamentos aprobados que agora irán ser modificados pola porta de atrás en virtude de novos recortes aprobados polo Goberno do Estado e aceitados con entusiasmo por Feijóo.
A folla de rota destas políticas en materia sanitaria está á vista de todos, remarcou Jorquera: O que se persegue é degradar o sistema público para que fique convertido nun sistema puramente asistencial-benéfico, cada vez con menor calidade, de maneira que se abran novas vías de negocio á sanidade privada.
Vigo como laboratorio de probas
O modelo vaise pór xa en práctica na área sanitaria de Vigo. Aquí vaise confiar a construción e xestión do novo hospital a un consorcio privado, dixo, ao tempo que denunciou que o modelo de xestión privado encarecerá a factura para a Facenda pública e terá como consecuencia a deterioración da calidade do servizo que se empresta á cidadanía. Todo isto parte dunha concepción da sanidade non como un dereito, senón como un negocio para que se lucren os operadores privados a custa de deteriorar cada día máis a saúde pública.
Recesión e paro
Os recortes son antisociais e ao tempo antieconómicos, isto é, aprofundarán a recesión.
Onte soubemos que a recesión en Galiza é maior, máis profunda e máis intensa que a que se vive no conxunto do Estado español. Isto é produto das políticas que adopta o Goberno Feijóo. Políticas que se teñen traducido en que o paro e a recesión son maiores en Galiza que no Estado, alega Jorquera.
Un novo fracaso de Feijóo
Inquerido por un xornalista a respeito da súa avaliación de que onte o Goberno galego non conseguise un tratamento de privilexio no Consello de Política Fiscal e Financeira pola súa presunta maior solvencia, Jorquera dixo que se trata dun novo fracaso de Feijóo, un máis que imputar á súa longa listaxe de fracasos.
A crise ten unha profundidade e unha intensidade en Galiza moito maior que no Estado. O responsábel é Feijóo
O novo recorte que terá que facer Feijóo -69 millóns de euros máis- haino que sumar aos xa múltiples que promoveu o seu goberno ao longo destes tres últimos anos e que teñen producido como consecuencia a degradación dos servizos públicos e o agravamento do paro e a recesión en Galiza, concluíu.