O "recortazo" de Rajoy só será sinónimo de máis desastre, máis paro e máis recesión

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou esta mañá en Bueu que o inminente “recortazo” anunciado polo goberno de Rajoy só vai traer consigo máis desastre, máis paro e máis recesión.

Guillerme Vázquez, en declaracións aos medios logo dunha reunión de traballo co alcalde nacionalista do municipio, Félix Juncal, e con distintos cargos institucionais e orgánicos do BNG na comarca, explicou que as maiorías absolutas non lle dan dereito ao PP a impor medidas que perxudican á maioría da xente e que non están contempladas en ningún programa electoral.

Referendum

Ante esta realidade, o voceiro nacionalista insistiu na necesidade de celebrar un referendum sobre “estas políticas que está a defender o PP, tanto no marco estatal como no Europeo, que conducen ao desastre económico e social e converten a Rajoy na nova Cruella de Vil –en alusión á personaxe vilá de 101 Dálmatas”.

Habería que preguntarlle á xente que prefire, se a suba do IVE ou unha reforma fiscal para que paguen máis os que máis teñen; os recortes en sanidade ou en gasto militar

Para Guillerme Vázquez sería moi esclarecedor poder preguntarlle á xente que prefire, se a suba do IVE ou unha reforma fiscal para que empecen a pagar a facenda os que teñen “cartos e máis cartos”; ou preguntar se ante a reforma da administración que está prantexando o PP non preferirían a supresión das deputacións; ou se non sería mellor reducir en gasto militar o que se está a reducir en sanidade, por poñer algúns exemplos.

“Queremos volver criticar con rotundidade a política fracasada, equivocada e inmoral que está levando adiante o PP, absolutamente letal, que se empeña en seguir saqueando o pobo sen piedade e en recentralizar o Estado e ceder soberanía ante a UE”.