Queremos unha Galiza forte con status de nación e autogoberno real para mellorar a vida das persoas
Destaca o avance social e electoral do BNG que lle permite “ir a por todas” para liderar o cambio político nos comicios galegos de 2020
Rego sintetiza as prioridades no Congreso: defensa dos intereses de Galiza, defensa dos dereitos sociais e nacionais e defensa da democracia
O Bloque congrega en Santiago a centos de persoas nunha cadea humana a favor do dereito de autodeterminación
Un ano máis o BNG converte o aniversario da Constitución nunha xornada de reivindicación, neste caso a favor do dereito de autodeterminación dos pobos cunha acto simbólico que congregou e centos de militantes e simpatizantes en Santiago nunha cadea humana que rodeou o Museo do Pobo Galego.
A portavoz nacional, Ana Pontón, lembrou a “friaxe” coa que a Constitución foi acollida en Galiza en 1978 e destacou que a súa “sacralización, como se se tratase das táboas de Moíses” é promovida polos poderes que queren que todo siga “atado e ben atado”. “Blinda os privilexios duns poucos”, recalcou, “pero non serviu para evitar a emigración da mocidade, que os nosos maiores estean á cola en pensións, nin garante dereitos básicos como o emprego, a vivenda ou o uso normalizado do idioma propio”.
Por iso, o BNG considera fracasado e superado o actual marco constitucional, marcado pola corrupción da monarquía e das elites políticas e económicas, e que actúa como corsé que lastra o futuro do país.
A líder nacionalista insistiu en que o problema “é a dependencia” potenciada por unha Constitución que propicia un deseño centralista. “Está demostrado, canto máis centralismo, máis desigualdade. A resposta ao centralismo e á desigualdade que provoca é confiar nas nosas propias forzas, confiar no BNG”, recalcou, tras advertir que a solución aos problemas do país non vai vir desde Madrid, “senón que hai que construíla aquí, con confianza e apostando por un novo status de nación que nos dea soberanía e todas as ferramentas necesarias para mellorar a vida das persoas e facer que Galiza avance”.
Pontón recriminou á “esquerda española” que pensando en “réditos electorais” permitiu o avance da extrema dereita, “que pretende ilegalizar a forzas como o BNG, ilegalizar o noso idioma e as nosas institucións”. E tachou de “inaceptable” que esas forzas de esquerda usen a que propagan o discurso do odio, en referencia a Vox, precisamente para apuntalar á Constitución.
“Vemos á esquerda pregada ao marco da extrema dereita cando o que convén é xusto o contrario, hai que mover os marcos, romperlles o discurso e apostar con normalidade por asumir que o Estado español é plurinacional e plurilingüe e aceptando con normalidade o dereito dos pobos a decidir”.
Coa vista posta nas eleccións galegas, Pontón destacou o traballo feito polo BNG ao longo dos últimos anos, “conseguindo ampliar a nosa base social e electoral o que nos permitir ir a por todas para liderar o cambio político na Xunta en 2020”, concluíu.
O deputado no Congreso, Nestor Rego, destacou a herdanza de Castelao e Bóveda, “aos que lembramos e continuamos” na defensa dunha “nación libre”, arremetendo contra unha monarquía “corrupta e anacrónica” e hoxe, dixo, “é un bo momento para lembrar que Galiza non ten Rei”.
Galiza recupera voz propia en Madrid
Rego salientou cales van ser os eixos da acción política do BNG na Cámara baixa, agora que Galiza “volve ter voz soberana en Madrid”: defensa dos intereses dos e das galegas, defensa dos dereitos sociais e nacionais deste país e defensa da democracia. “Ningún problema ficará sen a defensa do BNG”, subliñou, citando cuestións como a demografía, as baixas pensións, a derrogación pendente da Lei mordaza, da LOMCE ou das contrarreformas laborais.
A defensa da soberanía de Galiza será unha cuestión clave fronte ao “españolismo de vello e novo signo” que nega o dereito de autodeterminación dos pobos. Nas intervencións políticas, tamén a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, fixo un alegato en defensa dos dereitos dos pobos, da igualdade e do feminismo cunha mención ás mobilizacións para recuperar servizos no Hospital de Verín: “porque as mulleres temos dereito a parir onde queiramos non onde nos diga Feixóo”.
E o secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, destacou a “inutilidade” dunha Constitución que non garante os dereitos da xente moza que condena á emigración ou á precariedade.