Queixas denuncia o deterioro e espolio das Brañas do Deo sen que o Goberno do PP tome medidas para protexer este humidal
A deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, trasladou ao Parlamento a situación de degradación e espolio que soporta o espazo natural das Brañas do Deo, pese a ser un dos sistemas higroturbófilos únicos de Galiza, “unha depuradora natural, eficaz sumidoiro de carbono, un corredor ecolóxico considerado hábitat prioritario, mostra da biodiversidade e reserva hídrica para a comarca das Mariñas e protección contra as inundacións”, argumentou.
O Inventario de humidais de Galiza recolle en 2003 até 40 humidais nas Brañas do Deo que debían ser obxecto dun plan de protección, conservación e seguimento pola Xunta. Pero, pese a riqueza e á importancia ambiental deste ecosistema, -máis de 3.000 hectáreas, situada na conca do Deo, nos concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Curtis-, este espazo “leva anos sometido á degradación e ao espolio en beneficio privado”, denunciou a deputada, “primeiro permitindo a plantación de eucaliptais no núcleo da Reserva da Biosfera” e agora coa ameaza do boom eólico depredador auspiciado polo PP:
“A Xunta garda silencio ante a tramitación fraudulenta de seis parques eólicos que agravarían o atentado ecolóxico, a agresión patrimonial á necrópole megalítica e aos restos da Torre Teodomiro, catalogada BIC, ademais de corromper as formas de vida e o traballo nas explotacións gandeiras e agrícolas, sostíbeis cun medio de especial protección”, explicou Queixas a súa interpelación parlamentaria ao Goberno da Xunta.
A deputada nacionalista, que ilustrou con imaxes a súa intervención, sumou entre as agresións ás brañas a recente corta de eucaliptos na Braña de Portomoeiro. “A abertura en canal da braña con rozas para o seu sangrado e unha nova plantación ilegal de eucaliptos que afectou ás mámoas nunha zona de especial protección e que a denuncias veciñais responderon confirmando que non se cumpriran as normas de protección patrimonial”, denuncia a deputada do BNG.
Pero pese a gravidade dos feitos denunciados pola propia poboación, o Executivo do PP non ten adoptado medidas de protección e ante a falta de resposta por parte da consellería de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, Queixas criticou que o Goberno do Partido Popular “parece máis comprometido co empresario especulador que solicitou a plantación de eucalitos 24 horas antes da pseudomoratoria, que con preservar este espazo natural e atender ao interese xeral da veciñanza”, indicou.
“Está comprometida co particular que acaba de facer unha plantación ilegal agredindo unha zona de gran valor arqueolóxico, como figura no mapa de Aproveitamentos Forestais da Xunta? Ou está comprometida coa súa excompañeira de escano, Beatriz Mato, antes Conselleira de Medio Ambiente e agora conselleira de Greenalia, interesada en espoliar as Brañas do Deo cun dos proxectos eólicos?”, interpelou Queixas a conselleira, tras destacar que nin a actual titular de Medio Ambiente nin a anterior, agora no consello de administración dunha enerxética, permitiron que as Brañas do Deo fosen protexidas pola Rede Natura.
A deputada coruñesa destacou a importancia capital de protexer este tipo de espazos naturais, máxime nun contexto de cambio climático “onde a auga vai ser un ben prioritario e a seca a grande ameaza”, concluíu, destacando que a Sociedade das Mariñas está a defender exemplarmente a dignidade da Terra para evitar un novo espolio, “e no BNG camiñamos á par dela”.