O proxecto de Altri en Palas e o deterioro da sanidade pública galega centrarán as iniciativas do BNG no próximo Pleno
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitará a quenda de preguntas ao presidente do vindeiro Pleno para pedir explicacións a Alfonso Rueda sobre a súa postura respecto á “macro celulosa” que Altri quere instalar no “corazón de Galiza”.
Tal e como adiantou este martes a viceportavoz do Bloque, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de Portavoces, “o PP ten que explicar por que teima en impoñer un proxecto contaminante destas características, que quere instalarse en Galiza porque en Portugal non o queren e que vai supoñer un enorme prexuízo para centos de empresas que desenvolven a súa actividade e sosteñen moitos postos de traballo na comarca da Ulloa e na ría de Arousa”.
A pregunta de Pontón ao presidente producirase xusto tres días despois da manifestación convocada en Palas de Rei para rexeitar a implantación da fábrica de Altri na comarca da Ulloa, un proxecto -precisou Rodil- ao que se opón a veciñanza desta comarca e da Ría de Arousa, o movemento ecoloxista máis tamén o tecido económico e produtivo da zona, a comezar polas denominacións de orixe protexida Arzúa Ulloa e Tetilla
A defensa da sanidade pública será o segundo gran tema das iniciativas que, malia os atrancos do PP, os deputados nacionalistas levarán ao vindeiro Pleno. Segundo explicou Rodil, o BNG reclamou a comparecencia do titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para responder diante das críticas feitas no último informe de fiscalización publicado polo Consello de Contas, no que “afea ao Goberno do PP a falta de transparencia, de maneira especial no Sergas, polo uso de contratos menores para non ter que sacar a contratación as licitacións ou a derivación cada vez maior de cartos á sanidade privada”.
O PP vetou a comparecencia, mais o conselleiro “terá que dar a cara” nunha interpelación na que o Bloque lle pedirá explicacións non só polas consideracións de Contas senón tamén polas medidas que vai adoptar a Xunta para fortalecer a sanidade pública, especialmente a Atención Privada.
No que ten que ver coa deterioro da sanidade pública, “consecuencia de quince anos de recortes co PP no Goberno”, o Bloque tamén levará a debate no Pleno a falta de persoa no centro de saúde de Ribeira e no PAC de Ponteareas, “dous exemplos concretos -agregou a viceportavoz nacionalista- do que está a acontecer na maior parte dos concellos galegos.
En relación coa saúde, o BNG vai defender ademais unha proposición non de lei para que a Xunta aborde “de maneira decidida” os problemas de saúde mental que están a afectar ao conxunto da sociedade, pero especialmente á mocidade. Segundo a Sociedade de Psquiatría Infantil, os suicidios e as autolesións multiplicáronse por catro en crianzas e adolescentes desde a pandemia, subliñou Rodil para poñer de manifesto a relevancia de abordar este asunto.
Considerou, neste sentido, que “non chegan as palabras” senón que “fan falta medios”. E de aí a iniciativa do Bloque para incrementar os profesionais de saúde mental no Sergas e elaborar proxectos psicoeducativos entre a mocidade galega.
A través doutra proposición non de lei, o BNG tamén proporá ao Pleno medidas para acabar coas listas de espera en dependencia e ampliar a rede de servizos públicos neste ámbito fronte á política de bonos e privatizacións do PP.
En resposta ás preguntas dos medios de comunicación, Olalla Rodil reiterou que o BNG mantén “a man tendida” para avanzar cara un “pacto de País” en defensa dunha AP-9 galega e libre de peaxes, tal e como vén de propor a portavoz nacional, Ana Pontón, na carta que lle remitiu esta fin de semana ao xefe do Executivo galego e presidente do PP, Alfonso Rueda, e ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na que propuxo a celebración dun cumio a tres para abordar esta cuestión.
“Agardamos que teñan a ben aceptar a man tendida do BNG porque esta é unha cuestión transcendental e porque hai unha posición unánime da sociedade galega para que a autopista sexa transferida a Galiza”, salientou a viceportavoz nacionalista, quen ademais lembrou que o traspaso da AP-9 está incluído no pacto de investidura asinado polo PSOE e o BNG, “e os pactos están para cumprilos”, remachou.
Rodil lamentou que “cambian os ministros e tanto ten se goberna un como o outro, PP e PSOE manteñen os mesmos argumentos” para negarlle a Galiza a transferencia da AP-9 que, lembrou, non é transfronteriza como alegan as forzas do bipartidismo porque “a conexión con Portugal faise pola A-55”.
Derrogar o decreto da vergoña, imprescindible para un pacto pola lingua
Noutra orde de cousas, Olalla Rodil aproveitou as preguntas dos xornalistas para emprazar ao Goberno de Rueda a derrogar “o decreto da vergoña” como condición indispensable para avanzar cara un pacto pola lingua. “Estaría ben -apuntou- que o PP quixese corrixir agora o enorme erro e o enorme ataque que supuxo o decreto do plurilinguismo”, que considera ao galego unha lingua de segunda e que fixo que o noso sexa o único idioma do Estado que perde falantes.
Rodil recomendou a Rueda que antes de propor un novo pacto pola lingua cumpra cos que había xa, lembrando ao respecto que o Plan Xeral de Normalización Lingüística foi aprobado por unanimidade en 2004 “e o PP non só o incumpriu de maneira total e absoluta nestes últimos vinte anos senón que lexislou en contra co decreto da vergoña”.